OurenseÚltima hora

Eladio Santos visita as obras do futuro Centro de Regulación de Circulación, en Ourense

Este CRC terá unha grande importancia para o tráfico ferroviario español, xa que xestionará a circulación da maioría das liñas de tren de Galicia

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba esta mañá a aposta do Goberno de España por facer de Ourense “o gran polo do transporte” de Galicia. Asegurábao durante unha visita ás obras impulsadas por Adif para a rehabilitación e acondicionamento do edificio da Estación de San Francisco, que albergará o novo Centro de Regulación de Circulación (CRC), nodo estratéxico de xestión do tráfico ferroviario.

Eladio Santos sinalaba que grazas a un investimento de 14,5 millóns de euros, este CRC terá unha grande importancia para o tráfico ferroviario español, xa que xestionará a circulación da maioría das liñas de tren de Galicia. “Esta actuación supón a rehabilitación dun edificio histórico para darlle un uso único en toda a Comunidade Autónoma, cunha tecnoloxía de vangarda”, destacou. Na visita estivo tamén o primeiro tenente de alcalde de Ourense, Aníbal Pereira.

O subdelegado resalta que “este Goberno é o que máis investiu na cidade de Ourense da historia”. “Nunca ata agora houbo unha aposta tan forte por traer servizos punteiros e infraestruturas á cidade de Ourense, cun investimento total que supera os 850 millóns de euros”, remarcou.

Avance dos traballos

Un ano despois do inicio da actuación, o subdelegado supervisou a reforma da Estación de San Francisco, que se atopa “nun estado avanzado”. Concretou que Adif xa realizou a demolición interior prevista, así como a nova configuración estrutural, tanto de forxados como de cuberta, o que permite dispoñer na planta primeira dun espazo diáfano sen apoios interiores para albergar a sala do CRC.

Ata o momento, executouse o novo núcleo de escaleiras interiores e ascensor, así como a nova cuberta, de estrutura metálica e paneis sándwich sobre os que se apoia a tella cerámica recuperada. Tamén se levantaron parcialmente os tabiques interiores para a nova distribución do edificio e renováronse os ocos de fachada mediante novas carpinterías con vidros con control solar.

A antiga galería, agora convertida nun espazo destinado a oficinas, xa se atopa pechada ao exterior mediante unha nova fachada de ladrillo. Ademais, sobre os antigos aseos da estación, convertidos en cuartos técnicos, xa se aprecia a nova área de descanso do CRC, que está conformada por unha envolvente acristalada mediante un sistema de muro cortina e unha cuberta con acabado de tella do mesmo xeito que a orixinal.

 

 

Características do CRC

O obxecto da obra é a reforma e adaptación do edificio para albergar a nova sede do CRC de Ourense. Unha sala de control deste tipo precisa dun espazo cunhas características especiais, centrado no muro de pantallas ou videowall que replican a información máis importante do tráfico ferroviario da zona. Está previsto que o edificio sirva de centro de traballo para aproximadamente 100 persoas, repartidas entre o persoal de mantemento e do CRC, que estará en operativo as 24 horas e os 365 días do ano.

Desde o CRC xestionarase a circulación de trens da maioría das liñas ferroviarias existentes de Galicia, un total de 1.151 km, fronte ao 920 km actuais, ao asumir os tramos Ourense-Santiago de alta velocidade e a liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo.

Back to top button