Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima hora

Elena Rivo: “Hai unha especial querencia polo rural, por iso creamos eses 15 polos de emprendemento espallados polo territorio galego”

A cabeza de lista do PP por Ourense asegura que este partido é a mellor opción "para o futuro de Galicia"

Elena Rivo durante un acto electoral.

 

Na importancia de seguir fomentando o emprendemento no rural pon o foco a ourensá Elena Rivo López, que encabeza a candidatura do PP na provincia de Ourense ás eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 18 de febreiro. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e doutora en Administración e Dirección de Empresas, no ámbito político Rivo ten exercido como tenente de alcalde, xefa de área de Economía e Facenda no Concello de Ourense na lexislatura 2003-2007 e en xuño de 2023 asumía o cargo de conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade.

Por vez primeira encabeza a lista do PP ás eleccións galegas na súa provincia, Ourense, ¿que significa isto para vostede?

Por unha banda, é un orgullo que o presidente galego Alfonso Rueda e Luis Menor, o presidente provincial do PP, pensaran en min para encabezar esta lista de homes e mulleres, pero tamén é unha gran responsabilidade.

¿ Que obxectivos se marca nestas eleccións?

Loxicamente o que queremos é ganar cunha maioría suficiente para que poida seguir gobernando o PP.

¿Como cualificaría a candidatura que presenta o PP pola provincia de Ourense?

Na maioría dos casos son persoas que teñen experiencia con xestión, ou ben pública ou empresarial, e ademais a candidatura ten representatividade en todas as comarcas. Somos catro ou cinco persoas da capital, pero hai tamén xente do Carballiño, de Valdeorras, de Ribadavia, de Celanova… Penso que todas as comarcas están representadas e tamén presenza de mozos de novas xeracións porque pensamos que eles teñen que aportar e achegar a súa visión.

Queda xa moi pouco para a cita electoral do 18F, ¿como ten ido desenvolvéndose a campaña?

Seguimos escoitando á xente, como vimos facendo no goberno galego, explicando o noso programa e que imos cos deberes feitos, amosando o que fixemos en Ourense e en Galicia e escoitando porque se hai algunha cousa que mudar no futuro, pois farémolo, e tamén facendo esas propostas de futuro no programa.

¿Que balance fai do goberno popular na Xunta de Galicia?

Penso que é un goberno rigoroso e responsable, que precisamente o presidente Alfonso Rueda non convocou eleccións ata que tivo o orzamento aprobado no Parlamento galego e, desa forma, dende xaneiro o goberno galego segue traballando, con todos os servizos públicos funcionando, con todas as concesións e pode continuar con total normalidade.

Penso que é un luxo ter a Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia porque é unha persoa que coñece moi ben a administración, estivo en diversos niveis dela ata chegar á presidencia, e polo tanto é unha persoa que se hai algún problema, sabe perfectamente a quen dirixirse.

¿Cales son os aspectos que destacaría do programa do PP para a provincia de Ourense?

Hai unha especial querencia polo rural e por iso creamos eses quince polos de emprendemento que están espallados por todo o territorio galego. E no caso concreto da provincia de Ourense están no Carballiño, Verín, no Barco de Valdeorras e proximamente abrirá un en Baños de Molgas. A idea é xerar ese emprendemento na mocidade no rural, fixar poboación nel e activar esa riqueza que ten Ourense.

Por exemplo, estivemos en Riós cunha xornada do polo de emprendemento de Verín, onde hai esa materia prima que é a castaña e con emprendedores que teñen moi boas ideas e que, axudados dende o punto de vista técnico por estes polos, poden ir aínda a máis e así pódense xerar novos negocios. No caso de Baños de Molgas trátase de reactivar todo ese polo termal vinculado a esa riqueza histórica do seu balneario e reactivar tamén esa vida no rural. A idea ademais é reactivar eses polos con espazos de apartahotel para mozos, con servizos de coworking, de restauración e de ximnasio que non só servirán para eses mozos que se instalen no rural, senón para toda a comunidade.

 

 

¿Que propostas inclúen en materia de infraestruturas na provincia de Ourense?

O estado mantén bloqueadas infraestruturas como a A-56 Ourense-Lugo ou a A-76 Ourense Ponferrada, que nós vimos reclamando dende hai moito tempo a través dos nosos deputados no Congreso e senadores, pero lamentablemente aínda non se levaron a cabo.

¿Que mensaxe lle trasladaría aos votantes para que o 18 de febreiro vaian votar e neste caso lle dean o seu apoio á súa candidatura?

Penso que calquera persoa que me coñeza dende hai tempo nas miñas responsabilidades anteriores sabe que cumpro coa palabra, o mesmo que cumpre o presidente Alfonso Rueda. Creo que a alternativa está clara, ou un goberno estable do PP ou unha réplica do caos de Sánchez. Eu penso que fronte a esa Galicia negra que plantexa o BNG está a Galicia emprendedora e xeradora de riqueza, hai moitos proxectos e empresas na provincia en sectores como o agroalimentario, textil, lousa, sector aeroespacial… e fronte a esa división, a desigualdade e o caos de Sánchez está a estabilidade de Rueda.

Un 10% dos proxectos dos polos son de xente que vén de fóra e que considera que Galicia e Ourense son os mellores lugares para emprender, traballar e vivir. E, por todo iso, pensando nas persoas e na Galicia que prospera, polo futuro e por esa Galicia que funciona pido o voto para o PP e para o presidente Alfonso Rueda.

Artigos relacionados

Back to top button