Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Elena Rivo será a cabeza de lista do PP por Ourense nas eleccións autonómicas

 

A actual conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, será a cabeza de lista do PP pola provincia de Ourense ás vindeiras eleccións galegas do 18 de febreiro. “Queremos gañar as eleccións desde a honestidade, o traballo e coa conciencia tranquila. É un privilexio facelo cun gran equipo e con estas cabezas de lista”, dicía a través das redes sociais Alfonso Rueda, candidato popular á presidencia da Xunta, dando ademais a coñecer ás persoas liderarán as candidaturas nas catro provincias da comunidade: A Coruña, Diego Calvo Pouso; Lugo, Elena Candia; Ourense, Elena Rivo; e Patricia García 2 por Pontevedra (xa que Rueda é o número 1).

Así, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciaba hoxe os nomes destas persoas que liderarán as listas do partido. A todos eles pediulles que asuman “o compromiso e a responsabilidade de recoller e expresar as aspiracións de todos os galegos nas catro provincias aos que lle van pedir a súa confianza”, facéndoo “con honestidade e sendo conscientes do privilexio que supón representar ao PPdeG e pedir en nome do primeiro partido de Galicia a confianza de todos os galegos e galegas”.

Para Rueda estes catro candidatos son “as cabezas visibles dun equipo moito máis amplo, formado polas mulleres e homes que integran o resto das candidaturas e que empuxarán para que o PPdeG teña o maior dos éxitos o próximo 18 de febreiro, pero sobre todo para que ese día gañe Galicia”.

Diego Calvo agradeceulle “o traballo, a dedicación e o empeño co que día a día traballa para que o PP da provincia da Coruña siga sendo un partido potente e con magníficos resultados electorais”. Nesta liña destacou tamén de Elena Candia a súa “capacidade incansable de traballo” e a súa “resiliencia”, así como a súa vocación de servizo público e a súa concepción da política como “unha carreira de longo recorrido na que nunca hai que renderse a pesar das dificultades”.

 

Elena Rivo, cabeza de lista do PP por Ourense.

 

Pola súa banda e respecto a Elena Rivo, o presidente quixo poñer de manifesto a súa ampla experiencia no mundo empresarial e académico, ao que tamén desde hai uns meses habería que engadir a experiencia política como responsable das políticas de Emprego e Igualdade no Goberno galego. “Encarna con todo o merecemento e cunhas altas expectativas a renovación tranquila e ordenada que estamos facendo na provincia de Ourense”, apuntou.

Agradeceu así mesmo a Patricia García que quixera “embarcarse” na aventura de acompañalo na candidatura pola provincia de Pontevedra e de facelo en representación do “potente tecido empresarial de Vigo” e co convencemento de que “desde o éxito empresarial tamén se poden facer moitas cousas na vida pública cando hai vocación e gañas de servir á cidadanía”.

Como cabeza de lista por Pontevedra, Alfonso Rueda asegurou que non podía ir por outra provincia que non fose a súa. A provincia na que, tal e como explicou, creceu e aprendeu politicamente, na que traballou e na que tamén vive: “Preséntome por Pontevedra porque un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai, pero tendo claro que a miña función é representar e encabezar o proxecto político do PPdeG nas catro provincias galegas”.

O presidente do PPdeG remarcou que se presenta ás eleccións autonómicas porque non entende a política como unha “confrontación estéril”, senón que o fai desde “a vocación de servir á xente e de construír para poder prosperar e mellorar”. Neste sentido afirmou que a súa campaña “non vai ir de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”.

Alfonso Rueda tamén tivo palabras para “a oposición multipartita”, da que presumiu que “non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si”. Pola contra, o PPdeG si falará de proxecto e non só porque o ten, senón porque ten claro o que quere para Galicia.

“Intentarán tamén que non se faga balance porque eles non teñen nada do que facer balance máis alá da súa negatividade e da súa concepción desastrosa dos servizos públicos galegos. Pero nós si faremos balance porque gobernamos e o noso deber é dicirlle a xente o que fixemos e o que queremos seguir facendo”, engadiu.

Artigos relacionados

Back to top button