OurenseÚltima hora

Emilio González destaca o valor dos máis de 11.000 expedientes que documentan a posguerra penal da provincia

Subliña que xa están ao dispor da cidadanía a totalidade dos expedientes penais desde 1933 a 1959 procedentes do antigo cárcere da Rúa Progreso

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, supervisaba esta mañá a incorporación efectiva dos arquivos hirtóricos penais da provincia ao catálogo documental do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Nunha visita á sede principal desta institución, destacou o valor dos 11.158 expedientes penais de entre 1.933 e 1.959 que desde agora están ao dispor da cidadanía e que permiten documentar unha parte moi importante da posguerra na provincia, que é a penal.

Emilio González visitou a sede principal desta institución acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o director do Centro Penal de Pereiro de Aguiar, Francisco González e o director do Arquivo Histórico Provincial, Pablo Sánchez.

O subdelegado explicou que o traslado de expedientes penais iniciouse en 1988 con motivo do peche do antigo cárcere situado na rúa Progreso e finalizou en abril deste ano. Subliñou a colaboración da Subdirección xeral de Arquivos e Documentación do Ministerio do Interior, que posibilitou este traslado, e da dirección do Centro Penal de Pereiro de Aguiar, que o fixo efectivo.

 

 

Estes fondos documentais servirán como base para a investigación histórica e elementos de traballo para profundar na evolución de Institucións Penais e contextualizalo no marco político-social do momento; algo que a comunidade educativa e a sociedade civil poderá aproveitar para realizar un amplo abanico de estudos.

Na súa visita, o subdelegado do Goberno reiterou o compromiso do Ministerio de Cultura por avanzar nos traballos de rehabilitación do Museo Arqueolóxico, un dos tres edificios que conforma o Complexo Cultural de San Francisco, xunto coa Biblioteca de Estado e o Arquivo Histórico Provincial. Na actualidade, o Ministerio traballa para adaptar o proxecto da obra e integrar os abundantes restos arqueolóxicos do antigo Palacio Episcopal que se atoparon durante a súa execución.

Artigos relacionados

Back to top button