
Con motivo do Día Internacional da Muller, a CEO acollía hoxe o tradicional acto para conmemorar esta data xunto a outras mulleres empresarias e traballadoras representantes de sectores económicos, empresariais e administración. A presidenta da entidade, Marisol Novoa, destacaba na súa intervención a importancia de seguir avanzando en igualdade de oportunidades no ámbito laboral. Nun acto que reuniu a mulleres de múltiples sectores, Marisol Novoa puxo en valor a presenza feminina en profesións tradicionalmente masculinizadas e a necesidade de eliminar estereotipos de xénero: ‘Hoxe celebramos os logros alcanzados, pero aínda queda camiño por percorrer. A educación é clave para a igualdade e debemos seguir traballando para que as mulleres poidan acceder a calquera profesión sen barreiras nin prexuízos”, subliñou a presidenta.
Durante a súa intervención, facíase especial mención á escasa presenza de mulleres en sectores como o transporte, a mecánica, os corpos de seguridade ou as profesións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Como exemplo, resaltábase o labor de Marta Asensio, policía nacional, e Cristina Pousada, primeira bombeira de Ourense, quen compartiu as súas experiencias no evento. Pola súa banda, a policía Marta Asensio animou ás nenas e mozas que queiran acceder a esta profesión mentres que Cristina Posada, primeira bombeira en Ourense, lembrou o apoio que atopou dentro do corpo nos seus inicios.
A mensaxe central do acto foi clara: a loita pola igualdade non é só das mulleres, senón de toda a sociedade. “Non queremos mulleres en mundos de homes, senón persoas capacitadas desempeñando os mesmos traballos con igualdade de condicións”, resaltou Marisol Novoa, quen aproveitaba igualmente para falar sobre o Gabinete de Igualdade, creado fai seis anos con apoio da Xunta de Galicia, que ofrece asesoramento gratuíto a empresas para fomentar a igualdade e reducir a brecha salarial. “As empresas xogan un papel crave e deben seguir aproveitando o talento e liderado feminino”, afirmaba.