ConcellosÚltima horaViana do Bolo

En marcha a campaña “VianaEnIgualdade” para a promoción da igualdade e da violencia de xénero

O Concello vén de editar unha libreta baixo este título que se distribuirá entre a poboación

 

O Concello de Viana do Bolo, a través da Concellería de Servizo Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM), vén de editar unha libreta baixo o título “Viana en Igualdade”.
Trátase dun “novo proxecto co que o Concello de quere mostrar e demostrar o seu compromiso por promover a igualdade real entre mulleres e homes”, tal e como se destaca dende esta administración local.

A libreta conta cun debuxo de Sonia Presas Rúa (“A Piolla”) e coa cita da escritora Josefina Aldecoa “Eduquemos na igualdade para non perder nin un só talento por falta de oportunidades. “Este ano a libreta pretende representar a igualdade e a inclusión, non só de xénero, senón entre nenos/as de diferentes razas e condicións, resaltando a importancia da educación para acabar este obxectivo”, explican dende o Concello de Viana.

No interior da libreta inclúense referencias de interese no ámbito da promoción da igualdade e da prevención da violencia de xénero:
– Teléfonos e páxinas web
– Libros (infantís, xuvenís e adultos)
– Películas e documentais (infantís, xuvenís e adultos)
– Vídeos e curtametraxes (infantís, xuvenís e adultos).

 

 

O reparto das libretas á poboación en xeral desenvolverase mediante a participación activa da veciñanza nunha campaña na que mostre o seu compromiso coa igualdade e que levará por título
“VianaEnIgualdade”. Esta iniciativa poñíase en marcha o pasado venres 14 de xaneiro a través dos perfís en Facebook e Instagram do CIM Viana, co obxectivo chegar ao maior número de persoas posible a través da Redes Sociais.

A libreta foi financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade e con fondos propios do Concello de Viana do Bolo.

Artigos relacionados

Back to top button