Continúa a rolda de contactos pola provincia do precandidato ás primarias dos socialistas galegos, Juan Díaz Villoslada. Apenas unha semana despois de achegarse a Valdeorras, na tarde do 11 de setembro mantiña un encontro cos militantes na cidade de Ourense, que abarrotaban a sede do partido. No acto defendía “un PSdeG que teña cada vez un maior peso no proxecto de España”.
Tamén lembraba que “estamos nun momento no que está en xogo o financiamento autonómico, o modelo territorial, a recuperación en igualdade con outras comunidades e acabar coa fenda que existe con respecto ao resto de España desde que está Feijóo”.
E manifestaba a súa vontade de traballar “por un partido máis participativo, que aposte claramente pola rexeneración democrática e a calidade dunha política moitas veces menosprezada por outros partidos”. Asemade remataba pedindo “unha aposta pola transparencia como motor do desenvolvemento democrático”.