
Na antigüidade a pesca debeu constituír unha peza importante da base económica nas comunidades da Galicia interior, tendo en conta a riqueza piscícola dos seus numerosos ríos e regatos. Porén, as poucas evidencias coñecidas de carácter construtivo vinculadas a ela, provoca, en gran medida, que teña escasa visibilidade arqueolóxica.
Unha das mostras da pegada arqueolóxica é o “equipamento pesqueiro fluvial” que vén de ser escollido como primeira “Peza do Mes” deste 2025 por parte do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Del forman parte tres obxectos atopados no conxunto Arqueolóxico-natural de Santomé (Ourense). “A presenza de lastres pesqueiros no primixenio asentamento castrexo, así como en diferentes contextos do poboado romano que se asenta aos seus pés, testemuña o emprego de artes e/ou aparellos de pesca de tamaños diversos no curso fluvial do río Loña por parte dos poboadores de Santomé ao longo das sucesivas fases de ocupación do xacemento. No castro Coto do Mosteiro (O Carballiño), nun contexto datado entre os ss. I a. C. e I d. C., e no castro de Sta. Lucía de Astariz (Castrelo de Miño), nun nivel dos ss. II-IV d. C., recolléronse tamén pesos de chumbo cilíndricos, que deberon empregarse nos medios fluviais dos ríos Arenteiro e Miño, respectivamente”, segundo explica Laura Casal, investigadora que se encargará da presentación desta “Peza de Xaneiro”, prevista para o día 8 de xaneiro, mércores, ás 20:00 h na sala de exposicións «Escolma de escultura», en San Francisco.
Neste equipamento tamén figuran dúas pezas líticas, que se corresponden coa “tipoloxía de pesas pétreas con dous entallas laterais, un en cada bordo, co obxecto de garantir o amarre dun cordel ao redor do coio empregado como soporte na súa elaboración. A selección destes dous exemplares, procedentes do castro do Castelo de Laias, obedece á singular pegada cromática dos fíos envolventes, orixinada polo seu sometemento ao proceso de queimado asociado con algún dos incendios documentados no poboado, e que por agora constitúe o único caso coñecido no NO peninsular”, engade Casal, que afondará nas singularidades deste material o vindeiro día 8.