
Neste luns vén de darse a coñecer un achado arqueolóxico na parroquia de Santa María de Casaio (Carballeda de Valdeorras). Trátase dunha aldea de época altomedieval, na zona chamada Penedo Xudío, que se escavaba o pasado setembro. “Este sitio era coñecido pola comunidade local, que sabía da súa importancia pola presenza de numerosas casas moi antigas e polo material que aparecía alí, así como polas prospeccións que fixo o arqueólogo Santiago Ferrer nos anos 90”, segundo indica Carlos Tejerizo, director do proxecto arqueolóxico, en mans de Sputnik Labrego. “Porén, nunca tiña sido investigado. O pasado setembro fixemos algunhas catas e atopamos tanto a zona de vivendas como o espazo de enterramento desta comunidade altomedieval”.
A partir das datacións radiocarbónicas vén de datarse a ocupación do sitio entre os séculos VII e IX, hai máis de mil anos. Segundo a Asociación Sputnik Labrego, este dato é moi relevante, xa que achegaría este sitio ao momento de existencia de Cassavio, unha ceca de época visigoda coñecida por unha moeda de ouro feita nese sitio e que os expertos vencellan a Casaio.
“Non temos a certeza de que o sitio de Penedo Xudío sexa esa antiga Cassavio onde se fixo a moeda, mais temos informacións de que xa se atoparan outras moedas nesta contorna e non descartamos a hipótese de que realmente esteamos perante a antiga ceca”, indica Carlos Tejerizo. Pola súa banda, o equipo de Sputnik Labrego puido documentar media ducia de enterramentos situados a menos de 500 metros da zona de vivendas, “o que permite vencellar o mundo dos vivos ao mundo dos mortos deste momento histórico tan pouco coñecido. Un auténtico achado no contexto do noroeste peninsular”, remata o director.
Este e outros resultados serán presentados nunha conferencia a final de mes en Casaio, durante unha nova campaña de traballos de Sputnik Labrego.