En portadaÚltima hora

“Esencial”, un percorrido polos 80 anos de creación do barquense Jesús Díaz Ferrer, en Ourense

A exposición "Esencial" poderá verse a partir do 22 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Imaxe da exposición tras a súa inauguración no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Constitúe un percorrido polas oito décadas de produción do artista valdeorrés Jesús Díaz Ferrer (1922 O Barco-Concud, Teruel, 2017) no marco do centenario do seu nacemento. A exposición “Esencial”, que poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcarce de Ourense a partir do 22 de decembro, reúne debuxos, gravados e bosquexos, pero tamén unha serie de deseños da súa etapa como mestre colorista na factoría de tecidos Guggenheim & Sons en Zürich, en 1958.

Jesús Díaz Ferrer foi “un creador curioso e atrevido que pasou a súa vida completamente consagrado e entregado á arte. As súas obras compartiron espazo xunto ás de Matisse e Picasso e foron comercializadas nas casas de subastas máis prestixiosas de España. Esta exposición conmemora o centenario do seu nacemento”, tal e como destacan dende o Centro Cultural Marcos Varcárcel.

Esta mostra, organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco e comisariada polo historiador da arte valdeorrés Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, podía visitarse o pasado verán no Barco. Agora, trasládase á cidade de Ourense onde estará exposta ata o 22 de xaneiro e poderá visitarse de luns a venres de 11h. a 14h e de 17h a 21h., sábados, domingos e festivos de 11h a 14h.

 

Obras de Díaz Ferrer incluídas na mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Tratouse de deixar patente que nos atopamos ante un artista que, por ter transitado durante a súa longa carreira dende as derradeiras vangardas europeas ata a postmodernidade, resulta “Esencial” para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea dende mediados do século XX ata os inicios do século XXI”, tal e como sinalaba Coquixo na apertura desta exposición no Barco.

O seu contido está estruturado en dúas partes ben diferenciadas, unha delas inclúe 48 cadros en branco e negro de diferentes etapas, temáticas e estilos, abranguendo un lapso de tempo de 70 anos. A segunda, correspóndese con deseños da colección persoal de Díaz Ferrer, na que desenvolveu ideas e efectos baseados na cor para tecidos.

“A liberación do soporte plano do lenzo deulla a oportunidade de pescudar no mundo do cromatismo como nunca antes o fixera. Desenvolveu ideas previas e mergullouse noutras novas, supoñendo neste senso unha etapa crucial para a súa arte posterior”, resaltaba Coquixo. Dese xeito, “a combinacióin harmónica de cor e branco e negro e das distintas “esencias” presentes na obra de Díaz Ferrer, déronlle o verdadeiro sentido a este proxecto expositivo”, aseguraba o comisario.

Artigos relacionados

Back to top button