ConcellosÚltima hora

Esgótanse as prazas para visitar a Cova da Ceza no Xeoparque Montañas do Courel

A demanda para a actividade “Coñece as covas do Xeoparque” desbordaba as previsións

 

A alta demanda de prazas para participar na actividade “Coñece as covas do Xeoparque” desbordaba as previsións da organización, o que obrigou a pechar o formulario de inscrición na tarde do mércores 24 de outubro. Esta actividade enmárcase na segunda xornada do “Outono Xeolóxico 2024”, organizado desde o Xeoparque Montañas do Courel co apoio económico da Deputación de Lugo.

A xornada terá lugar o sábado 9 de novembro en Seoane do Courel e inclúe pola mañá unha charla sobre os últimos descubrimentos na Sima Aradelas, de acceso libre até completar o aforo da Estación Científica da USC, e pola tarde unha visita á Cova da Ceza, en Noceda, e ao Centro de Interpretación das Covas, en Meiraos, actividades limitadas para as que era necesaria inscrición.

As persoas que non conseguiron praza quedan en lista de agarda, do que xa foron informadas por correo electrónico. As 30 primeiras persoas anotadas, que si entraron no límite de prazas, recibiron tamén un correo, neste caso confirmando a súa inscrición e pregándolles que en caso de non poderen asistir o comunicasen á organización á maior brevidade posible para liberar as súas prazas e podelas ofrecer ás persoas da lista de agarda.

Desde a organización aconsellan que todas as persoas que teñan pensado asistir a esta xornada, tanto á charla da mañá, de acceso libre até encher o aforo da Estación Científica da USC, como á actividade de acceso limitado, tenten organizarse para optimizar o número de coches, entre outras razóns debido ao limitado espazo dispoñible para aparcar na zona.

Así mesmo aconsellan reservar se se ten pensado comer nalgún dos establecementos da zona, xa que se prevé unha alta afluencia de público.

Nas semanas seguintes hai previstas máis actividades das que se irá informando puntualmente por medio das redes sociais do Xeoparque e ao través dos medios de comunicación.

Back to top button