DeportesÚltima hora

España xoga o primeiro encontro do Mundial de fútbol sala en Ourense

A selección enfrontarase a Exipto o próximo 28 de xullo, ás 20:30h, no Paco Paz
Dende a esquerda, Raul Rois, Gustavo Falque, Laurentizi Gana, Rosendo Fernández, Venancio López e Bernardino González.
Dende a esquerda, Raul Rois, Gustavo Falque, Laurentizi Gana, Rosendo Fernández, Venancio López e Bernardino González.

O pistoletazo de saída da selección española no Mundial de fútbol sala Colombia 2016 levarase a cabo en Ourense. O Pazo dos deportes Paco Paz acollerá o vindeiro 28 este primeiro encontro de preparación no que España se enfrontará a Exipto. O evento, que será ás 20:30 horas, foi presentado esta mañá na Deputación de Ourense.

No acto estiveron presentes o vicepreidente do ente provincial, Rosendo Fernández, o asesor de Deportes do mesmo, Bernardino González, o seleccionador nacional de fútbol sala, Venancio López, o responsable da selección española de fútbol sala, Laurentizi Gana, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque, e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense, Raúl Rois.

“O Mundial é a máxima competición de fútbol sala”, explicou Venancio López, que avanzou que “somos un dos países máis potentes a nivel mundial, polo tanto, o noso obxectivo é facelo o mellor posible e intentar ser campións do mundo”. A competición desenvolverase no vindeiro mes de setembro, pero a preparación desenvolverase en terras ourensás do 25 ao 29 de xullo.

En palabras do vicepresidente da Deputación, este é “un evento deportivo de primeiro nivel e os moitos afeccionados deste deporte que temos na provincia poderán gozar deste partido tan importante”.

As entradas terán un custe de cinco euros para adultos e dous para os junior -de seis a 16anos-, sendo gratuíta para os menores de seis anos. O obxectivo é “que todo o mundo poida asistir a este partido, que é unha oportunidade única para ver á selección española de fútobl sala”, dixo Bernardino González.

“España é neste momento campiona de Europa e ten que ir a Colombia gañar o campionato do mundo”, dixo Laurentizi Gana. “É unha das favoritas e o comezo desta preparación componse de seis partidos sendo o primeiro deles en Ourense”, continuou, e augurou que “a xente de Ourense vai encher ese pazo porque aquí hai moita tradición de fútbol sala.

O día anterior ao partido, os xogadores da selección estarán no Centro Cultural Marcos Valcárcel para firmar autógrafos aos seareiros.

Artigos relacionados

Back to top button