Medo e risas na noite do sábado 26 de outubro para os 1.200 participantes da quinta edición do QuiMedo. Un ano máis este túnel do terror coidadosamente elaborado non deixaba a ninguén indiferente. O espectacular traballo realizado en cada casa, que ás veces non se pode apreciar por ir pendente de onde che van dar un susto, unido á caracterización dos actores fai desta cita do Samaín algo digno de vivir. O medo nalgúns momentos é inevitable, pero tamén o son as risas despois do temor.
O pavillón municipal, centro neurálxico da festa do terror, abría ás sete da tarde para que o líder de cada grupo recollese as pulseiras que lles permitían o acceso as casas e o mapa do trazado que debían cumprir.
Tamén a esas horas comezaba o QuimedoFest Infantil. Todos os nenos e nenas que acudían coas súas cabazas, basoiras ou caldeiros decorados tiñan un pequeno agasallo. Ás dez menos cuarto o Primeiro Tenente de Alcalde, Vicente Parra facía a presentación do evento e a organización aproveitaba para recordas as normas a seguir así como uns consellos para desfrutar desta festa.

As dez da noite daba comezo a multitudinaria saída para recorrer as casas do gran túnel do terror polo casco urbano de Quiroga e Pacios de Mondelo. As casas debidamente ambientadas e cada unha cunha temática, dentro das que se atopan moitos voluntarios –máis dun cento- debidamente caracterizados. Pero non só nas casas, se non tamén no recorrido para chegar a elas había sorpresas.
Durante tres horas, tempo que permaneceron abertas as casas, cada grupo debía seguir o mapa trazado pola organización para evitar as grandes aglomeracións nas entradas. A “Pirámide”, a “Xungla”, “O barco pirata” a “Apocalipse zombi”, a Casa das Torturas, a Casa das bruxas, o “Cine de terror” e a “Ouija”, foron as temáticas escollidas nesta espectacular e exitosa festa do terror.
Unha vez que os participantes remataron o recorrido, comprobando se o QuiMedo V foi tan terrorífico como prometía, nova xuntanza no pavillón municipal para desfrutar da Quimedo Fest cos DJ Mavi Krueguer e Adri Díaz Jason.
Fotos cedidas.
