
Dende as 16:26 h. deste martes está estabilizado o lume iniciado onte ás 12:47 h. en Ribas de Sil (parroquia homónima), que tamén afecta os municipios de Quiroga e da Pobra do Brollón. A superficie afectada por este incendio rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural. Ademais, xa foi desactivada a Situación 2 ao non haber perigo para núcleos de poboación.
Ata o momento mobilizáronse para controlalo 13 técnicos, 30 axentes, 87 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Tamén quedou estabilizado ás 16:26 h. o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.
Chandrexa de Queixa
Segue controlado desde as 12:33 h. de hoxe o lume iniciado onte ás 11,38 h. no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta segundo as últimas estimacións unha superficie de arredor de 50 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 13 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.