Esta mañá procedíase a precintar as oficinas das empresas da lousa Irosa e Samaca, situadas no municipio de Carballeda de Valdeorras. Acudía persoal do Xulgado, acompañado pola Garda Civil. Executábase dese xeito o lanzamento de desafiuzamento dos terreos, promovido pola Mancomunidade de Montes de Portela e Trigal. “Están pechadas as oficinas de Irosa e Samaca, o almacén e procederon ao cambio de pechaduras, tamén sacaron aos traballadores das naves”, tal e como confirmaba o avogado destes empresas valdeorresas.
“Nós sostemos que hai fincas particulares de Irosa que non poden ser obxecto de desahucio e a parte hai fincas de Irosa que foron obxecto de expropiación, logo tampouco poden ser obxecto de desahucio, pero o Xulgado non o entende así. Estamos plantexando todos os recursos posibles, que están sen resolver, pero hai que esperar”, destacaba o letrado.
Así mesmo indicaba que “as sentenzas hai que executalas, de aí este lanzamento. Non obstante a dilixencia de ordenación que acordou o lanzamento está recorrida en reposición pola nosa banda e ese recurso non está resolto, pero a interposición do recurso non impide o lanzamento. O que pasa aquí é que hai unha expropiación forzosa posterior á sentenza de desafiuzamento coa que a Xunta lle deu a posesión e a propiedade á empresa, e iso é o que reclama a empresa. Ademais, dentro deses montes, a sentenza di que se exclúen as fincas particulares, e dentro dese monte arrendado existen fincas particulares que tamén son de Irosa e Samaca, que é onde están construídas as naves. Por iso entendemos que a sentenza quedara sen obxecto, pero a súa señoría decide executala e nós temos que executar o seu mandato”.
E malia que por agora só están pechadas as oficinas, e non as naves, os traballadores non poden traballar nelas. “Hoxe os traballadores poderían seguir traballando, pero dentro de dous ou tres días van vir con máis forzas de orde público e vanos a sacar, iso foi o que nos dixeron”, engadía o avogado. “Traballar non traballaremos pero imos quedar aquí ata o final loitando polo noso”, aseguran dende o comité de empresa.
“A saída máis rápida é negociar, porque a saída xudicial tarda. Pode haber negociación coa outra parte pero é difícil”, conclúe o avogado de Samaca e Irosa.