ConcellosÚltima hora

Exhibición do GREIM da Garda Civil de Trives no III Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes, en Covas (Rubiá)

 

Os nenos e nenas participantes no III Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes, que se desenvolve nesta fin de semana en Covas (Rubiá), recibían na mañá deste domingo unha visita moi especial: a de dous membros do Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña da Garda Civil con base na Pobra de Trives.

Xunto ao refuxio da Federación Galega de Espeleoloxía en Covas, ofrecíanlles unha charla-demostración na que os cativos descubrían que é o GREIM e cales son as súas funcións, así como o diverso material que utilizan á hora de desenvolver as súas diferentes intervencións en caso de accidentes e rescates, dende os de alta montaña ata os do interior dunha cova, que acostuman ser os máis complexos. Así, explicábanlles como se coloca a unha persoa ferida na camilla e logra mantela nas mellores condicións físicas, coidando cuestións como a temperatura e a súa seguridade.

A partir de aí, os nenos aprendían como se procede a sacar a esa persoa da cova ao exterior coa maior seguridade posible, tendo en conta os diversos medios e sistemáticas mecánicos que o equipo de rescate pode empregar nese proceso. Entre elas figuran técnicas como as microvoladuras para poder abrir paso se a padiola non pasa por unha gateira ou un paso estreito da cavidade.

 

 

Tamén se lles amosaba aos rapaces como funcionan os sistemas de poleas e contrapesos, que facilitar o traslado da camilla nun rescate en cova, o torno, etc. Despois aprendían e practicaban o seu manexo, acompañados polos membros do Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes de Rubiá, organizadores do campamento.

 

 

Pouco antes do inicio da exhibición, os participantes no campamento tamén recibían a visita do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Esta actividade temática enmárcase no Plan Director do Goberno de España en materia educativa. “O obxectivo do Goberno de España, é o benestar dos e das menores e a comunidade educativa desta província. En 2023, sete de cada dez centros educativos de Galicia solicitaron charlas de sensibilización dentro do Plan Director, o 83% dos centros educativos de Ourense solicitaron charlas ao Plan Director de convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos da nosa contorna, 10 puntos porcentuais máis que a media galega”, explica o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

 

 

 

A coordinación dos grandes esforzos en recursos humanos dedicados polo Goberno de España na provincia á protección dos menores, inclúe reunións de Policía Nacional, Guarda Civil, Unidades de Prevención da violencia de xénero, a través da Alta Inspección Educativa e presididas polo subdelegado do Goberno. As exhibicións de medios forman parte tamén das actividades do Plan.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button