Como un “éxito de participación”, cunha valoración “moi positiva por parte de todos os asistentes chegados de diferentes partes de Galicia e tamén do Bierzo (Léon), califican dende a organización a inauguración de Quereño Bike Trails, o proxecto de recuperación e dinamización do territorio que transforma un monte devastado polo lume nun novo espazo para o deporte, o turismo e o desenvolvemento rural que cumpría coas expectativas completando todas as prazas dispoñibles días antes da súa celebración. “Contamos coa presenza de destacados riders como Eva Castro, Manuel Lito ou o valdeorrés Javier Quiroga “Zape”, entre outros”, contan satisfeitos dende a organización.

Os promotores da iniciativa explican que desde os seus primeiros pasos, Quereño Bike Trails desenvolveuse de acordo coa Xunta de Montes e coa implicación da xente do pobo, apostando por un modelo de aproveitamento do territorio compatible cos seus valores naturais, paisaxísticos e sociais. “A construción dos circuítos, a cargo da empresa ourensá Bicitectura foi posible grazas ao financiamento da Xunta de montes de Quereño, o Concello de Rubiá e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras, cuxo apoio resultou fundamental para transformar a iniciativa nunha infraestrutura deportiva e turística”, destacan, asegurando que o proxecto forma parte da filosofía do club local Zona360 Cycling, “unha iniciativa que aposta por posicionar a contorna de Quereño e Valdeorras como un destino de referencia para os amantes do ciclismo de montaña, aproveitando as extraordinarias posibilidades que ofrece o seu territorio”, con novos carreiros e circuítos concibidos para atraer a ciclistas e visitantes, fomentando unha actividade que pode contribuír directamente á economía de proximidade.

A inauguración oficial de Quereño Bike Trails, tiña lugar o sábado 17 de outubro nunha xornada concibida como un encontro entre deporte, natureza, institucións, veciños e afeccionados ao ciclismo, que contou cunha benvida con café para os participantes, presentación do proxecto e actividades vinculadas ao coñecemento e desfrute dos novos circuítos nunha saída conxunta polos primeiros sendeiros preparados e un encontro final cunha petiscada.
A petición dos asistentes, a partir de agora comezarán a organizarse diferentes actividades en torno á construción, como quedadas e xornadas de perfeccionamento e incluso charlas aproveitando os circuítos.

Fotos e vídeos cedidos.