SanidadeÚltima hora

Exposición sobre o voluntariado sanitario na India no Hospital Universitario de Ourense

A mostra “Aporta Saúde”, que conmemora os 25 anos de voluntariado sanitario da Fundación Vicente Ferrer no rural hindú, estará situada no vestíbulo principal do novo edificio de hospitalización durante todo o mes de agosto

 

O Hospital Universitario de Ourense acollerá durante o mes de agosto a exposición fotográfica “Aporta saúde” para conmemorar o vinte e cinco aniversario de voluntariado sanitario da Fundación Vicente Ferrer na India rural. Esta exposición que estará situada no vestíbulo principal do Hospital Universitario de Ourense pretende dar a coñecer o traballo e testemuños do persoal sanitario voluntario desta fundación e visibilizar o seu labor durante estes 25 anos e sumar máis persoas ao proxecto de sanidade da ONG.

Un dos grandes retos na India é garantir o acceso a unha sanidade de calidade para todas as persoas e concienciar sobre hábitos saudables. A Fundación creou unha rede de hospitais xerais e clínicas rurais nas zonas máis remotas do sur da India. O papel do voluntariado médico e sanitario foi clave para consolidar esta estrutura sanitaria. A acción da organización alcanza a 3.819 pobos e a preto tres millóns de persoas.

O Hospital de Bathalapalli, un dos proxectos máis emblemáticos da organización, foi o inicio en 1997 da chamada a profesionais da saúde para axudar a mellorar os seus servizos. A partir de entón, máis de 500 profesionais formaron parte do voluntariado sanitario da Fundación Vicente Ferrer, un colectivo indispensable para levar a mellor atención sanitaria á poboación máis vulnerable e ás aldeas máis remotas do sur da India.

O 99% das persoas que traballan na Fundación na India son autóctonas. Por iso, o voluntariado alí responde a perfís profesionais moi concretos e desempeña tarefas complementarias ou que non poden ser asumidas por persoal autóctono. Realiza principalmente tarefas de formación e atención de pacientes e cirurxías durante períodos concretos, un labor crave para lograr unha asistencia de calidade e mellorar a vida das poboacións rurais. Actualmente a organización ten necesidades específicas en perfís de voluntariado de xinecoloxía, pediatría, fisioterapia, medicina interna, enfermería, odontoloxía, cirurxía, e técnicos e técnicas de laboratorio.

A Fundación Vicente Ferrer é unha Organización Non Gobernamental de Desenvolvemento comprometida desde 1969 co proceso de transformación de zonas rurais en Andhra Pradesh e Telangana (sueste da India). Apoia a comunidades empobrecidas e grupos especialmente vulnerables: infancia, mulleres e persoas con discapacidade. Aplica os seus programas en máis de 3.800 pobos e apoia a preto de tres millóns de persoas. O modelo de desenvolvemento da FVF na India coincide co conxunto de propostas globais da ONU para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en 2030.

Artigos relacionados

Back to top button