ConcellosParada de SilÚltima horaVídeos

F. Javier Carballo: “Nunca me tiñan premiado polo amor e o cariño que lle teño a esta terra, Parada de Sil”

Este doutor en Veterinaria e investigador era a persoa distinguida na homenaxe que cada ano organiza o Concello de Parada de Sil no marco das Letras Galegas

 

“Para min hoxe é un día moi especial”, dicía emocionado Francisco Javier Carballo García, doutor en Veterinaria e investigador, natural de Casa do Vento (Parada de Sil), na homenaxe que este Concello lle tributaba nesta mañá de 16 de maio. Cada ano, no marco da celebración das Letras Galegas, Parada de Sil distingue a unha persoa relevante do municipio ou relacionado con el polo labor desenvolvido.

“Na miña vida tenme premiado por moitas cousas. Polo meu expdiente académico, por traballos de investigación, por labores de xestión científica. Pero nunca me tiñan premiado, que é como así o vexo, polo amor e o cariño que lle teño a esta terra, que é tamén o amor e o respecto que lle teño aos meus pais, aos meus avós, ás miñas tías avoas e todos os meus antepasados que viviron e traballaron neste concello e aos que quero tamén facer partícipes desta homenaxe”, sinalaba no inicio da súa intervención, nun ateigado salón de actos da Casa Consistorial de Parada de Sil, entre autoridades e rodeado de familiares, amigos e veciños, aos que agradecía a súa presenza.

 

 

Carballo é profesor de Tecnoloxías dos Alimentos na Facultade de Ciencias no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, investigador recoñecido con mumerosas publicacións. A súa destacada traxectoria repasábase neste acto, que se iniciaba ás 11:30h. coa intervención do alcalde, Aquilino Domínguez, e do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; así como do concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Paco Magide, entre outras autoridades.

O rexedor explicaba as razóns desta homenaxe, salientando o compromiso de Carballo co seu traballo acadando altas cotas internacionais de relevancia na investigación, así como “o seu amor á terra que  se reflicte en moitas cousas” mesmo na realización dunha plantación de castiñeiros a cargo de Javier.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno Eladio Santos saudaba aos asistentes pondo de manifesto a importancia de difundir coñecemento “como fai o homenaxeado nun momento no que se está a intentar quebrar a confianza na ciencia por moitas bandas”, así como a importancia de actos como este, que, entre outras cousas, “axudan a fortalecer o sentimento de comunidade”.

 

 

Deseguido, actuaba a Coral Capela Madrigalista e, xa ás 12h., proxectábase un vídeo que repasaba a traxectoria vital do galardoado. Despois, dábase paso á laudatio a cargo do deputado autonómico Juan Manuel Casares Gándara, tamén con vínculos familiares neste concello no pobo de Castro, quen  puxo de relevo a importancia da ética, do traballo constante  e do alto nivel científico  e humano de Javier Carballo.E, a continuación, tomaba a palabra o homenaxeado.

 

 

Nunha intervención moi emotiva, Carballo agradecía o acto e confesaba que era un dos máis importantes na súa vida ao considerar que se trata dun acto de premio polo amor á súa terra e que se recoñeza iso é algo grande.

 

 

Esta celebración das Letras Galegas servía  tamén para entregar os premios do XIV Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra, cun notable éxito de participación. Nesta edición o certame recibía 908 microrrelatos, dos que 636 procedían de España (de todas as comunidades autónomas e Ceuta e Melilla). A entrega concluía cunha nova actuación da Capela Madrigalista.

Despois, arredor das 14h. procedíase a descubrir unha placa conmemorativa na casa do homenaxeado, na Casa do Vento. O programa da celebración completábase en Parada de Sil, no restaurante Curtiñeiro, con petiscos, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Back to top button