ConcellosÚltima hora

Falece Miguel Antonio Cid, ex alcalde da Teixeira e ex deputado provincial

Miguel Antonio Cid nunha imaxe de arquivo.

 

A Teixeira despide ao que fora o seu alcalde ata maio deste 2023 e ao longo de 32 anos, Miguel Antonio Cid Álvarez. Natural de Celanova, onde nacía un 3 de novembro de 1950, Miguel Antonio Cid licenciábase en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago en 1979 e traballou como médico en diversas localidades da provincia de Ourense dende 1980 ata 1984, momento no que se quedou como médico de familia na Teixeira.

Ademais compatibilizaba a súa actividade profesional coa política, sendo concelleiro e tenente de alcalde no Concello da Teixeira dende o ano 1987 ao 1991, e xa dende 1991 como rexedor ata maio do 2023. Ademais foi deputado provincial e unha das súas afeccións era o tiro con arco.

Dende o Concello da Teixeira emitían esta tarde un comunicado lamentando o falecemento do antigo rexedor deste municipio. “Desde o Concello de A Teixeira, damos o noso máis sentido pésame á familia e ás persoas máis achegadas”. Tamén se informaba de que a súa capela ardente está no tanatorio das Burgas, na sala 8, de Seixalbo (Ourense. “Mañá sairá un autobús para ir ao Tanatorio e a Igrexa de Santo Tomé da Barxa (onde sera enterrado mañá ás 16:30h.) con posterior regreso a A Teixeira ao finalizar o funeral”, matizan dende o Concello.

Tamén esta tarde o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, expresaba o “sentimento unánime” de pesar polo falecemento do ex deputado provincial Miguel Antonio Cid. En nome da institución provincial, o presidente trasladaba “á familia do médico e político o seu máis sincero apoio nestes difíciles momentos, así como o recoñecemento o labor desenvolvido por Miguel Antonio Cid na súa condición de alcalde da Teixeira durante 32 anos e deputado provincial desde 2015 ata 2023”

“Déixanos un gran home e unha mellor persoa que decidiu servir á veciñanza como profesional da medicina e como alcalde, pero tamén sen perder a perspectiva de provincia”, destaca Luis Menor.

Artigos relacionados

Back to top button