
Neste mediodía producíase un accidente de tráfico entre un todoterreo e un camión no quilómetro 241 da A-52, á altura da Barca de Barbantes (Cenlle), en sentido Ourense. O sinistro obstaculizaba por completo o tráfico neste punto da autovía, segundo informa o 112 Galicia, que era alertado do suceso ás 13:00 horas por un particular.
“De inmediato, despregouse un amplo operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da vía”, citando ao 112 Galicia.

Segundo informaron os alertadores, “o todoterreo sufriu un impacto no lado do condutor e existía a posibilidade de que houbera persoas atrapadas no interior. Convén sinalar que o outro vehículo implicado é un camión de caixa. Cando chegaron ao lugar, os bombeiros comprobaron a situación e fixeron uso do seu material de excarceración para liberar ao condutor do todoterreo, cuxo falecemento foi confirmado polos servizos sanitarios”, tal e como informa o 112 Galicia.
O falecido, de Vilariño de Conso, era o único ocupante do todoterreo. Por outra banda, o condutor do camión resultou ileso.
A circulación no lugar do accidente permanecía interrompida durante os traballos dos servizos de emerxencias. O tráfico restablecíase con normalidade dende as 16:10h.
