ConcellosQuirogaÚltima hora

Falece unha persoa tras unha saída de vía na N-120 en Quiroga

 

 

Unha muller falecía esta mañá tras sufrir nunha saída de vía e envorcar a furgoneta na que viaxaba. Tal como informan dende o 112 Galicia, os feitos sucedían no quilómetro 484 da N-120, ao seu paso polo municipio de Quiroga, e as dúas persoas que viaxaban no vehículo, residentes en Valdeorras, atopábanse fóra del desde o primeiro momento.

“O condutor foi atendido polos servizos sanitarios, que nada puideron facer pola vida da outra ocupante”, din dende o 112 que recibía ao fío das 7 horas deste xoves 22 de decembro, a chamada dun particular desde o lugar do accidente avisando de que “unha furgoneta envorcara no medio da vía e que aínda que os dous ocupantes estaban no exterior do vehículo, precisaban asistencia sanitaria urxente”.

Os axestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxo persoal foi mobilizado a bordo dunha ambulancia, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento das estradas. Ademais, foron informados os Bombeiros de Monforte de Lemos, a Policía Local e Protección Civil de Quiroga.

“Unha vez no punto, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da muller que, segundo indican os servizos de emerxencias, saíra despedida do vehículo accidentado”, puntualizan dende o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button