
O vindeiro 9 de xullo, Father 1943 celebrará a inauguración oficial do seu novo espazo en Vilamaior (Verín), un proxecto familiar impulsado polos irmáns Ernesto Rodríguez Zarraquiños (Tito) e Asunción Rodríguez Zarraquiños (Asun), que abre as súas portas reunindo baixo un mesmo concepto a adega Father 1943 e Paisana, dúas marcas chamadas a poñer en valor a tradición vitivinícola, a gastronomía e o territorio de Monterrei.
A xornada comezará ás 18.30 horas cun acto institucional ao que asistirán representantes das diferentes administracións, alén de familiares, amigos, viticultores e colaboradores que acompañaron o desenvolvemento do proxecto. Posteriormente terá lugar a inauguración oficial das instalacións e, a partir das 22.00 horas, Father 1943 abrirá as súas portas a veciños e visitantes cunha celebración aberta ao público que contará coa actuación da Orquestra Panorama.
A apertura da adega supón o inicio dunha nova etapa para un proxecto que nace dunha historia profundamente ligada a Vilamaior. O seu nome é unha homenaxe a Ernesto Atanes, capelán da comunidade galega en Londres, padriño dos irmáns e gran amigo da familia, cuxa figura estivo sempre moi presente neste camiño.
“Primeiro empezamos co tema do viñedo e logo coa restauración dá casa. Entendiamos que tingamos que darlle vida e sacar un viño relacionado con todo isto. E non podería ter outro nome. Todo ou mundo me coñece como Tito Monaguillo e ten moito de especial”, explica Ernesto Rodríguez Zarraquiños.
Father 1943 e Paisana forman parte dun mesmo proxecto, concibido para poñer en valor o viño, a gastronomía e a cultura de Monterrei desde unha mirada contemporánea, sen perder de vista as súas raíces. Un espazo pensado para compartir, desfrutar e manter vivo un gran legado, cunha clara aposta polo enoturismo como motor para seguir impulsando e dar a coñecer a riqueza da comarca de Monterrei.
