
Un percorrido visual polos recursos naturais, patrimoniais e culturais do municipio lucense Sober. Dende paisaxes, etnografía e arquitectura ata ceos nocturnos. Felipe Castro López convida a descubrilos ou a redescubrilos doutro xeito a través da fotografía na mostra “Sober Vivo. Os recursos de Sober en imaxes. Terra, pedra, madeira, auga e viño”, que poderá visitarse ata finais de abril no Centro Sociocomunitario desta vila.
A exposición reúne 22 fotografías en cor e branco e negro, con diversas temáticas e técnicas. Abríase ao público no marco das I Xornadas de Dinamización de Valorización do Rural que se desenvolvían do 16 ao 18 de marzo en Sober, promovidas polas comunidades de montes da zona. Comezaban o día 16 coa xornada didáctica “A infancia e o coidado do medio ambiente”, na que participaba o CEIP Vixe do Carme, con actividades como a plantación de 200 castiñeiros no monte de Doade.
O 17 de marzo inaugurábase a exposición de fotografía de Felipe Castro, seguida dunha serie de ponencias sobre os montes en man común, unha delas impartida polo propio fotógrafo, que é tamén axente facultativo medioambiental da Xunta: “Estratexias para a dinamización e desenvolvemento rural”. O programa concluía o 18 de marzo con visitas á Gandeiría Gundivós, cunha viaxe no tren turístico polos viñedos e cun percorrido por unha adega da D.O. Ribeira Sacra.
A partires de maio, a mostra “Sober Vivo” poderá verse no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, onde estará instalada ata primeiros de xuño.
