
O programa FOADOM, unha iniciativa da Fundación María José Jove en colaboración coa Xunta de Galicia, continúa o seu labor de formación e capacitación de mulleres do rural. Nesta edición, os concellos de Castro Caldelas e San Xoán do Río acollen a formación presencial intensiva de 22 participantes, completando todas as prazas dispoñibles.
FOADOM está deseñado para proporcionar ás mulleres residentes en áreas rurais de alta dispersión, con cargas familiares, as habilidades necesarias para desenvolver actividade laboral nos servizos de atención e axuda a domicilio a persoas dependentes. O programa non só ofrece formación de calidade, senón que tamén representa unha oportunidade para o desenvolvemento persoal e profesional das mulleres participantes, contribuíndo á dinamización económica do rural galego.
As 22 participantes, seleccionadas entre mulleres dos concellos de San Xoán do Río e Castro Caldelas, están a realizar esta semana unha formación presencial intensiva, que lles permitirá adquirir os coñecementos e competencias necesarios para o desempeño da súa futura actividade laboral.
A Fundación María José Jove quere destacar o apoio e colaboración da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e do alcalde de San Xoán do Río, Xosé Miguel Pérez, cuxa implicación foi fundamental para o éxito desta edición do programa FOADOM.
Sobre FOADOM
FOADOM é un programa da Fundación María José Jove, en colaboración coa Xunta de Galicia, que ten como obxectivo a formación e capacitación de mulleres do rural para o desenvolvemento de actividade laboral en servizos de atención e axuda a domicilio a persoas dependentes. O programa diríxese a mulleres con cargas familiares, residentes en concellos situados en áreas rurais de alta dispersión.