Un total de 17 formadores procedentes de diferentes puntos de Europa, América, Asia e Oceanía visitaban nestes días o territorio amparado pola D.O. Valdeorras, onde podían ver como se traballa en vendima, os viñedos, os procesos de elaboración, as adegas e, por suposto, catar a gran diversidade e singularidade dos seus viños. Nese senso, o Consello Regulador solicitaba ás adegas amparadas que enviaran as referencias que considerasen de interese para presentarllas aos profesionais visitantes.
Así, na cea que tiña lugar o 25 de setembro estes profesionais puideron probar un total de vinte referencias valdeorresas doutras anadas, tanto de tintos como de brancos, e deste xeito comprobar o potencial de garda das elaboracións desta D.O. Ao día seguinte, ademais de visitar o territorio e as adegas, os formadores participaban nun túnel do viño, guiado polo director técnico da D.O. Jorge Mazaira, con ata 33 referencias: dende castes nobres e crianzas, ata viños xoves e mesmo viños especiais como o tostado, que os deixaba impresionados. Ademais eses viños acompañaban tamén o xantar dese día.
O presidente do consello regulador valdeorrés, José Ramón Rodríguez Castellanos, remarcou que os que nos visitaron estes días, “son os formadores dos prescriptores mais importantes de viño de todo o mundo”, algo que considera “un verdadeiro luxo ter a esta xente aquí porque fan de altavoz a nivel mundial do que facemos en Valdeorras”.
“Unha viaxe deste tipo é moi enriquecedora, é unha aprendizaxe continua; en Valdeorras degustamos moitos viños, pero sobre todo, coñecimos en profundidade a súa historia do viño”. Así describiu Ryan Robinson, formador e á vez tamén estudiante de Master of Wine procedente do estado de Conectica, EE.UU, a súa experiencia na comarca.

Xunto a el, desfrutaron da viaxe, Helena Edgerton, da Sydney Wine Academy, Pedro Fadanelli, da Escola Celebrare Brazil, Victoria Aldwinckle, da Kent Wine School, Caitlin Ferguson, da Vinsanity/Cru Consultancy, Jessica Hue Williams das South London & West London Wine Schools, Ahyoung Jeong, da Seoul School of Wine, Sylvia Liu, de La Violette, Alberto Martinez Interiano, da Wine & Spirit Archive, Cellar Muse, Simone Popov, da San Francisco Wine School, Quentin Sadler, da West London Wine School & WSG, Eric Sandberg, da Texas Wine School, Nika Shevela, da Berlin Wine School/Wine Alphabet, Jimmy Smith, da West London Wine School, e Chris Martin e Rick Fisher da Wine Scholar Guild, conducidos por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy.
A experiencia enolóxica destes días (25 e 26 de setembro), homologada pola Wine Scholar Guild, inclúe a visita ás cinco denominacións de orixe de viño que existen en Galicia, así como ao Consello Regulador das II.GG. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Tras ser recibidos na D.O. Valdeorras, a seguinte parada é o territorio amparado da D.O. Rías Baixas.
A actividade, impulsada desde a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.GG Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga), conta ademais, co respaldo do Igape.
Fotos cedidas.
