
A xunta directiva de Axuntar (Asociación prá Normalización del Galego de Asturias) vén de facer públicos os nomes dos galardoados na cuarta edición dos Premios Folgueira, cos que esta entidade distingue a persoas e instituciois que traballan pola dignificación do galego de Asturias.
Os premiados neste 2026 son Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), académico da RAG e artífice e coautor das primeiras Normas Ortográficas del galego de Asturias, publicadas en 1990.
Ademais, Fernández Rei formou parte do Instituto da Lingua Galega, foi membro do equipo redactor do Atlas Lingüístico Galego, responsable do Arquivo do Galego Oral. E membro da Real Academia Galega e estudoso das falas galegas de Asturias. Así a distinción premia o incansable labor do investigador do Instituto da Lingua Galega a prol da dignificación e protección do galego de Asturias.
Tamén analizou a nivel historiográfico os traballos pioneiros de figuras como Dámaso Alonso sobre o galego falado en Asturias. Dirixiu investigacións clave sobre esta variedade lingüística, como a tese de Xoán Babarro Galego de Asturias, delimitación, caracterización e situación sociolingüística. Como investigador do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), colaborou na recollida de datos e na delimitación xeográfica e xeolingüística das falas do Eo-Navia dentro do continuo dialectal galaicoportugués.
“En novembro do 1986, hai 40 anos, empecei a colaborar con xente que defendía o galego no Eo-Navia, que a finais de 1988 creou a histórica MDGA (Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca) moi activa ata a entrada do 2000”, lembra Francisco Fernández Rei, para quen este recoñecemento “non buscado” é para el moi especial. Supón, di, “un plus por proceder de xente que leva anos heroicamente en Asturias loitando pola súa lingua galega, que as autoridades políticas e académicas non queren recoñecer como galego cando si o fan a gran maioría dos lingüistas, mesmo estranxeiros”.
Tamén será recoñecido nesta edición dos Premios Folgueira Pablo Quintana López, investigador e divulgador del Patrimonio cultural da nosa terra e responsable da Editorial Canela, e D.
O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 10 de outubro de 2026, ás 16.30 horas, na biblioteca de Vilanova de Ozcos. No acto intervirá Manuel González González, investigador do ILG; Xabier Barcia López, profesor da Universidá d’Uviéu, e Natalia Jardón Pérez, presidenta de Axuntar.