
Galicia, terra de brancos vibrantes e atlánticos, disponse a demostrar ao mundo que os seus viños tamén poden envellecer coa elegancia dos grandes. Baixo a dirección de Alejandro Paadín, CEO de Paadín Eventos SL, arrinca un proxecto de investigación que “combina o rigor académico coa experiencia sensorial para desentrañar os factores que gobernan a lonxevidade dos brancos galegos”.
Para garantir a representatividade, o equipo de Paadín Eventos seleccionou tres viños por cada anada e Denominación de Orixe entre 2010 e 2019 – un de segmento popular (por baixo de 10 €), outro de gama media (10-20 €) e un terceiro de prestixio (máis de 20 €). Esta estratexia permite comparar perfís de calidade e prezo dentro de cada campaña, sumando preto de 180 referencias procedentes de máis de 130 adegas (case un terzo do total de adegas amparadas en DDOO) de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.
Todas as botellas, custodiadas en condicións constantes de temperatura e humidade, evolucionaron durante quince anos nas instalacións de Paadín Eventos SL xunto a outras 8.000 botellas de viños galegos, o que converte a colección no maior arquivo de brancos de garda reunido nunca en Galicia.
Un panel de cata de máximo nivel
A avaliación organoléptica realizarase ante un tribunal presidido polos directores técnicos dalgunhas das rexións máis influentes da península. Ás voces galegas –Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, EVEGA e CIFP A Granxa – súmanse Rioxa, Ribera del Duero, Toro, Bierzo, Cangas e a portuguesa Vinho Verde. Esta pluralidade de orixes achegará unha mirada comparativa que transcende fronteiras e estilos, enriquecendo o veredicto final con criterios contrastados.

Unha metodoloxía 360° que integra ciencia e sensacións
Cada mostra catarase a cegas seguindo unha ficha estandarizada que rexistra máis de 10 parámetros aromáticos e gustativos. Inmediatamente despois e nas mesmas instalacións de cata, a botella someterase a unha análise química instrumental de laboratorios FOSS®, cuxo equipo WineScanTM 3 mediante espectroscopia de infravermello por transformada de Fourier (FTIR) xerará un perfil completo de máis de 30 compostos.
A información sensorial e analítica cruzarase con centos de rexistros climáticos –temperatura, pluviometría, horas de sol–, datos litolóxicos e edafolóxicos dos viñedos e os históricos enolóxicos achegados por cada adega (uso de madeira, leas…). O procesamento estatístico correrá a cargo da Universidade da Coruña, cuxo grupo de investigación estatística MODES aplicará modelos multivariantes e aprendizaxe automática para identificar as variables que mellor predín a capacidade de envellecemento.
Obxectivo: evidencias sólidas para un vello debate
Aínda que nos últimos anos fálase con frecuencia do potencial de garda dos brancos galegos, ata o de agora faltaba un estudo obxectivo que o apoiase. O propósito deste proxecto é establecer, con base científica, que factores –climáticos, litolóxicos, varietales ou enolóxicos– resultan decisivos para que un viño evolucione positivamente en botella e durante canto tempo pode manter ou mellorar a súa calidade organoléptica.
“Cremos firmemente que Galicia pode situarse entre as rexións produtoras de grandes brancos de garda; necesitamos as cifras para confirmalo”, subliña Alejandro Paadín.

Difusión de resultados
As conclusións plasmaranse nun libro monográfico que publicará a Fundación Juana de Vega ao longo do 2026. A presentación irá acompañada dun ciclo de catas comentadas e xornadas técnicas abertas ao sector, co fin de trasladar o coñecemento tanto a profesionais como a consumidores.
A Fundación Juana de Vega súmase a este ambicioso proxecto co obxectivo de impulsar o prestixio e a proxección internacional dos viños brancos galegos. “A nosa participación garante que os resultados deste innovador estudo non só queden no ámbito científico, senón que cheguen ao mercado e ao consumidor final a través dun libro monográfico e actividades divulgativas”, destacaron desde a entidade.
Con esta colaboración, a Fundación reforza a súa aposta por dar valor ao traballo das adegas galegas e mostrar ao mundo que Galicia tamén é terra de grandes brancos de garda, capaces de competir ao máis alto nivel nos mercados máis esixentes.
Sobre Paadín Eventos SL
Paadín Eventos SL é unha firma galega dedicada á consultoría enolóxica, a formación e a organización de eventos vinculados ao viño. Con máis de dúas décadas de traxectoria, o seu labor divulgativo e editorial foi recoñecida por institucións e adegas en España e o estranxeiro. Desde hai case 15 anos, con carácter anual, edita a Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia, da que xa se venderon preto de 30.000 exemplares.
Fotos cedidas.