EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Galicia premia a excelencia dos viños, augardentes e licores tradicionais nas Catas de Galicia 2026

Máis de 400 mostras procedentes de 152 empresas participaron no certame

 

A Consellería do Medio Rural celebrou este 14 de xullo a gala de entrega dos galardóns das Catas de Galicia 2026, que premian a excelencia dos viños, augardentes e licores tradicionais que se elaboran na nosa comunidade.

Resultaron gañadoras preto de 60 elaboracións en 18 categorías diferentes, sendo o Cuñas Davia (Adegas Valdavia, SL) da DO Ribeiro o galardoado como mellor viño branco de Galicia e o Vía Romana (Adegas e Viñedos Vía Romana, SL) da DO Ribeira Sacra o mellor viño tinto.

Premios da DO Valdeorras

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou na entrega dos premios das Catas de Galicia ao sector vitivinícola como exemplo representativo da Galicia Calidade, e valorou que constitúe tamén unha peza esencial dun rural vivo e produtivo. No acto tamén participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

No caso dos premios outorgados á viños da D.O. Valdeorras, en brancos, o Acio de Ouro era para Joaquín Rebolledo (Joaquín Rebolledo, SA), o de Prata para A Coroa (Adega A Coroa, SAT) e o de Bronce para Verdes Castros (Vinigalicia, SL).

En tintos, o Acio de Ouro correspondíalle a Menciño Summum (Bodega Coop. Jesús Nazareno), o de Prata a Quinta da Peza (Quinta da Peza, SL) e o de Bronce a Costeira (Viña Costeira, SCG).

E, no apartado de Viños de Colleitas anteriores, o Acio de Prata Tinto era para Outarelo 2022 (Bodegas Blare, SL).

Na súa intervención, Rueda recoñeceu o esforzo e talento de todas as empresas participantes e, nomeadamente, das que foron recoñecidas cos galardóns. Así, sinalou que todos estes produtos non só representan un valor económico, senón que tamén son parte da imaxe exterior de Galicia, un atractivo turístico e contribúen a fixar poboación no rural e cohesionar o territorio.

Por iso, o presidente da Xunta comprometeu o apoio da Xunta a un sector que ten moito futuro. Neste sentido, citou os máis de 12 millóns de euros en axudas que se invisten este ano para a elaboración e promoción de produtos vitivinícolas, ou para a modernización dos viñedos; as axudas para os consellos reguladores; ou as iniciativas de impulso turístico, como a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, ou o Plan Enogastronómico de Galicia.

 

 

Fase de precata

Para poder determinar cales son as mellores elaboracións foi necesario levar a cabo un exhaustivo proceso de avaliación dos diferentes viños, augardentes e licores presentados ao certame.

Nesta edición rexistráronse un total de 462 mostras pertencentes a 152 empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas destes sectores.

No eido vitivinícola participaron un total de 142 adegas con 305 mostras de viño branco e 124 de tinto. En relación cos destilados, concorreron no certame 10 empresas con 33 mostras.

Cabe sinalar que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou as instalacións de cada participante para confirmar rigorosamente que a fase de recollida se desenvolveu con seriedade e lexitimidade, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes.

Durante os días 1, 2 e 3 de xullo catáronse todas as mostras de viño presentadas ao concurso. Cada Denominación de Orixe contou co seu propio panel de cata integrado por oito especialistas que avaliaron visual, olfactiva e gustativamente cada mostra de forma totalmente anónima, garantindo así a imparcialidade e o rigor do proceso.

Posteriormente, chegou a quenda da precata das augardentes e licores tradicionais, e esta despois. Sete especialistas en destilados foron os encargados de analizar cada mostra co mesmo rigor que caracteriza todo o proceso. Dado que son bebidas moi diversas que varían en ingredientes, sabores, aromas e ata nos propios envases, as mostras foron recollidas en botellas idénticas co fin de garantir o anonimato e asegurar que as valoracións respondan exclusivamente á calidade do produto.

 

 

Cata final como fase decisiva

Nesta fase de precata os expertos avaliaron a totalidade das mostras presentadas e, tras analizar as ponderacións, só as seis mostras mellor puntuadas de cada categoría pasaron á seguinte fase: a cata final.

Tras este proceso de selección, un panel de 12 especialistas de recoñecido prestixio foi o encargado de determinar cales son os mellores viños, licores e augardentes tradicionais.

 

 

 

Un concurso ao servizo da excelencia vitivinícola galega

As Catas de Galicia nacen coa vontade de recoñecer e dar visibilidade ao traballo dos adegueiros e augardenteiros que elaboran os seus produtos cumprindo rigorosamente os requisitos dos distintivos de calidade.

Este certame pretende demostrar, dentro e fóra das nosas fronteiras, que as variedades autóctonas de uva, o territorio e o compromiso dos seus profesionais son os piares que sitúan os viños, as augardentes e os licores tradicionais galegos entre os produtos de maior prestixio do sector vitivinícola e reflexo desa Galicia Calidade pola que somos recoñecidos.

 

 

 

 

Back to top button