En portadaÚltima horaVídeos

Gandeiros e agricultores volven concentrarse en Palleirós (Manzaneda), pero non logran paralizar a marcaxe das vacas para o matadoiro

Unha granxa desta aldea vese afectada por baleirado sanitario ao dar positivo tres das súas vacas, que xa foron sacrificadas, por tuberculose bovina. Cifran as perdas deste baleirado en máis de 32.000 euros

 

Desolación, impotencia e un fondo sentimento de tristura entre os gandeiros e agricultores, principalmente do Macizo Central, que esta mañá de 19 de marzo concentrábanse novamente en Palleirós (Manzaneda) en apoio á granxa desta aldea, na que se rexistraban tres positivos en tuberculose bovina. Catro días despois de que a xuntanza do venres lograse paralizar a marcaxe de gando vacún para o matadoiro dentro do baleirado sanitario previsto, desta volta o proceso si se podía en marcha, e os responsables de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural iniciaban a marcaxe das reses.

Os dous responsables da explotación sentían novamente o respaldo do sector, pero desolados, asistían ao inicio do procedemento, con consecuencias económicas moi elevadas para eles, pero tamén emocionais por ter que sacrificar, e dun xeito que lamentan, a todo o seu gando.

 

 

“Estes gandeiros séntense indefensos porque non lles permitiron diferenciar a unidade de rabaño e porque ven que con este baleirado sanitario obrigatorio van perder máis de 30.000 euros e tamén porque toda a carga emocional téñena que afrontar sós porque a administración só asina sentenzas e impón sancións. Estes compañeiros séntense indefensos porque teñen que cargar con todo o traballo, levar os animais ao matadoiro, buscar a infraestrutura de transporte e malvender”, dicía o representante do Sindicato Labrego, Anxo Pérez, durante a concentración, indicando ademais que deberán agardar dous anos “para volver a producir. Este compañeiros séntense indefensos porque a Consellería non defende os intereses dos labregos e labregas de Galicia”.

A concentración e o inicio da marcaxe realizábase sen ningún tipo de incidentes. A Garda Civil estivo presente, pero non foi necesaria a súa intervención.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Sanidade Animal procede ao marcado das vacas da granxa de Palleirós (Manzaneda), afectada polo baleirado sanitario

Artigos relacionados

Back to top button