No mediodía deste xoves 20 de novembro abría as portas en Expourense a 26ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra ata o domingo día 23, contando novamente con representación valdeorresa, dende a gastronomía con dous restaurantes xestionados por unha empresa da comarca ata os viños cun stand de Viños Barco, licores cos Barbudos ou turismo co Xeodestino Trevinca-Valdeorras.

Na inauguración da Feira, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, destacou a aposta realizada pola institución provincia a prol do sector primario ourensán onde a marca “Ourense enogastronómica” volverá “a exhibirse no mellor escaparate posible que é Xantar”. Así mesmo, destacou que a celebración da edición número 26 de Xantar “non só pon de relevo que estamos ante un clásico do calendario de salóns feirais, senón ante un recinto que nestes días se converte nun templo gastronómico”.

Pola súa parte, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández deu conta das actividades que se levarán a cabo no marco desta feira e que abranguen, ademais do propio restaurante coa colaboración de Coren e Cuevas, os stands dos xeodestinos “Terras de Celanova-Serra do Xurés” e “Trevinca-Valdeorras”, xestionados por este ente provincial.
No seu discurso, Rosendo tivo tamén palabras de recoñecemento para o cociñeiro valdeorrés Carlos Parra, á fronte do restaurante do Inorde.

Ademais, estarase participando en Xantar cun stand para promocionar os recursos turísticos da provincia cunha área específica destinada á Vía da Prata. Como novidade, este ano, haberá un stand do Centro de Transformación para pequenas producións sostibles de Cantoña posto en marcha pola Deputación para dar a coñecer os seus servizos e captar a posibles novos usuarios. Durante o fin de semana, comercializaranse de feito a través deste espazo, os primeiros produtos elaborados alí.

Por último, a iniciativa “O mercado en rural co porco celta”, co apoio da Deputación de Ourense, terá lugar o 23 de novembro, de 12.00 ás 13.00 horas na aula gastronómica, da man do chef Martín Fernández de Bágoa Gastrobar que preparará dúas receitas elaboradas a base de porco celta.

Fotos: Carlos G. Hervella.