Éxito de participación na segunda actividade do “Coñece e Saborea” por terras de Manzaneda, que se desenvolvía o domingo 28 de agosto. Esta iniciativa, promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, percorrerá os dez concellos que integran este territorio.
“As estreitas rúas da vila medieval e a fresca sombra dos soutos protexeu do calor a trintena de participantes que percorreron e descubriron a riqueza natural e etnográfica do Concello de Manzaneda”, segundo destaca a organización.
Representantes do Concello acompañaron ao grupo aportando valiosa información interpretativa.
A actividade finalizou cun menú degustación no Restaurante O Pendón. Nela podían degustarse produtos da Cooperativa Amarelante, queixos da Mata, produtos das panaderías Terras de Trives e Caneda, de Embutidos Hervella, Embutidos Marucho e viños de Daterra Viticultores.
As vindeiras citas de “Coñece e Saborea” terán lugar en Montederramo o 3 de setembro e en Vilariño de Conso o 4 de setembro.
Fotos cedidas.