Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Grande-Marlaska: “Da man do PSdeG-PSOE hai esperanza, luz e un camiño cara un futuro mellor na provincia de Ourense”

 

“Da man do PSdeG-PSOE e de José Ramón Gómez Besteiro hai esperanza, hai luz e hai un camiño cara un futuro mellor na provincia de Ourense”. Así o destacaba o Ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, esta tarde de 14 de febreiro na Pobra de Trives. Ademais facía fincapé en que o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia “porá punto e final ao abandono nas políticas de loita contra o despoboamento en Ourense, freando o éxodo da veciñanza e dotando de servizos ao rural, para reforzar as cabeceiras de comarca”.

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un mitin na vila trivesa no que Grande-Marlaska estaba acompañado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja; e pola cabeza de lista por Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta. “Besteiro non promete, Besteiro actúa”, afirmaba o ministro do Interior, antes de sinalar que “xerará novas oportunidades para apuntalar o despegue desta provincia e que non siga relegada aos postos de cola dentro do Estado, facilitando a creación de milleiros de postos de traballo e mellorando a calidade de vida da veciñanza”. O máximo responsable de Interior dentro do Goberno de España tamén quixo facer fincapé en que Besteiro “axudará ao emprendemento, levando a cabo plans de despegue económico, apoiando á mocidade, atraendo investimentos e impulsando o sector da pizarra, o turismo rural, ecolóxico e termal”.

 

 

Grande Marlaska tamén aseguraba que o “O PSOE quere para Galicia unha sanidade universal e de calidade, ao alcance de todos e todas, independentemente do seu lugar de residencia na xeografía ourensá”, e apuntaba que Besteiro “apostará pola atención primaria, cun plan de choque para garantir que todos os concellos teñan acceso a facultativos e especialistas, reducindo os tempos de agarda, para non colapsar as urxencias, nin obrigar aos veciños e veciñas a desprazarse á capital”. Neste senso, o ministro destacou que “haberá cobertura de prazas de pediatría e outras especialidades nos centros de saúde vacantes como Carballiño, Xinzo ou Verín e reforzarase o persoal sanitario nos hospitais comarcais de Valdeorras e Verín e tamén no Complexo Hospitalario de Ourense”.

Grande-Marlaska aproveitou a súa intervención para subliñar que co PP a provincia de Ourense “quedou relegada a un rol insignificante, pero o PSdeG e Besteiro volverán a convertela nun referente en Galicia, en España e no mundo, a través do desenvolvemento coa diáspora, o fortalecemento e cooperación con Portugal e a promoción dos seus intereses tanto en Santiago, como en Madrid e Bruxelas”. Por último sinalou que “o destino da provincia está nas vosas mans” e sinalou que “xuntos e xuntas loitaremos por un futuro digno e un fogar para todos e todas, por un Ourense que mereza a pena”.

 

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo de manifesto que Ourense “merece un presidente da Xunta de Galicia que non fuxa dos debates”, en alusión a incomparecencia de Rueda esta noite no debate de RTVE. Neste senso, afirmou que a provincia e Galicia “teñen dereito a contrastar as opcións políticas, xa que estamos falando dun exercicio de democracia”.

O 18 de febreiro “temos a oportunidade de pór fin ao desmantelamento e os recortes do PP”, destacou Rodríguez Dacosta, antes de sinalar que “con Besteiro ao fronte da Xunta, solucionaremos os problemas sanitarios, melloraremos as infraestruturas, xeraremos emprego e apostaremos pola vivenda pública, a mocidade, e por suposto, por unha atención digna aos nosos maiores”. Por último, a candidata socialista fixo fincapé en que con Besteiro ao fronte da Xunta “apostaremos polo reequilibrio territorial, dándolle a Trives e a Ourense o impulso que tanto precisan”.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja, incidía na necesidade de contar cun goberno socialista ao fronte da Xunta para “sentar as bases do cambio en Trives e na provincia, tanto na forma como no fondo, xa que os concellos precisamos dun goberno autonómico que nos apoie e que non estea ausente como o estivo o PP nestes últimos 14 anos”. A rexedora tamén aproveitou para pór de manifesto que o 18 de febreiro “abrirase un período de cambio, de esperanza, de ilusión e de traballo para recuperar os servizos destruídos polo PP na provincia” e apuntou que o cambio “só o garante a papeleta do PSdeG e de José Ramón Gómez Besteiro”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button