Na noite do sábado 15 de marzo producíase un incendio urbano na Veiga de Cascallá, no concello de Rubiá, no que ardía unha casa aínda que segundo as primeiras informacións o lume tamén afectou a outras dúas.
O 112 Galicia rexistraba varios avisos por mor deste incendio, o primeiro deles arredor das 22:20 horas. Segundo a información recollida, “estaba a arder unha casa na Veiga de Cascallá, con posibilidade de que houbese xente no seu interior”.
Os xestores do 112 Galicia avisaron rapidamente ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, así como á Garda Civil, que se mobilizaron ata a zona.
Logo de que os servizos de emerxencias acudisen ata o punto, estes indicaron que “o incendio estaba descontrolado, pois o lume xa afectaba a dúas casas”. Desta maneira, solicitouse tamén a intervención dos Bombeiros de Monforte e dos de Verín, así como do GES de Quiroga. Tamén acudiu persoal de Medio Rural, que aportou unha motobomba.
“Logo dun arduo traballo, os servizos desprazados comentaron que lograran sufocar as lapas, aínda que acabaron por afectar ata a tres casas, todas de madeira, que arderon completamente”, indican dende o 112.
”Cómpre mencionar que un dos bombeiros da dotación provinte de Valdeorras tivo que ser trasladado ata o hospital polos seus compañeiros, logo de que sufrise danos ao caer unha viga”, indican.
Fotos cedidas.