OurenseÚltima hora

Homenaxe a Eduardo Blanco Amor no cemiterio de San Francisco no 43 aniversario da súa morte

O sábado, día 3, continuarán os actos de lembranza coa entrega no Liceo do XLI Premio de novela Blanco-Amor, que nesta edición recaeu no autor Roberto Fernández Álvarez pola súa obra "A inmoral doutora Cons"

 

Este mediodía tiña lugar no cemiterio de San Francisco en Ourense unha homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, un acto xa tradicional que coincide coa data do seu pasamento, fai hoxe 43 anos. Un día para recordar “a un xenio da nosa literatura”, segundo sinalaba o presidente do goberno provincial e da fundación que leva o nome do autor, Manuel Baltar, asistente a este encontro.

Para Manuel Baltar, o intelectual ourensán non só foi un escritor, “senón tamén un construtor da identidade cultural e política de Galicia”. Unha faceta, esta última, da que deixou constancia tanto durante a súa estadía na Arxentina, “acompañando a persoeiros como Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos ou Rodolfo Prada Chamochín, como cando regresou a Ourense en 1965”. De volta na súa terra, engade Manuel Baltar, “mantivo a súa loita polo autogoberno, falando de Galicia e dos seus sinais de identidade, achegas que contribuíron a que hoxe gocemos deste estado autonómico, nunha nación cultural como é Galicia”.

Organizado pola Deputación, en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, o Centro PEN Galicia e mailo IES Blanco-Amor, ao acto de lembranza tamén asistiron rapaces do centro educativo da cidade; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; membros da fundación; e representantes culturais. Durante o acto, tres estudantas -Elena Fernández, Alba Quintas e Paula Dios- leron textos da súa propia autoría.

Esta homenaxe a Blanco-Amor no cemiterio de San Francisco naceu a comezos dos anos 80, a iniciativa de Marcos Valcárcel e outros amigos de Eduardo Blanco-Amor, á que se sumou de inmediato o IES de A Ponte, que nesa época pasaría a chamarse IES Eduardo Blanco Amor a petición da profesora María do Carmo Henríquez Salido -presente esta mañá no acto-.

O recordo a un dos grandes referentes da cultura ourensá terá a súa continuación este sábado, día 3 de decembro, coa celebración no Liceo de Ourense, a partir das 20.00 horas, do acto de entrega do XLI Premio de novela Blanco-Amor, que nesta edición recaeu no autor Roberto Fernández Álvarez pola súa obra A inmoral doutora Cons. O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano.

Artigos relacionados

Back to top button