ConcellosÚltima hora

I Curso de Introdución á cultura da Cervexa, na Aula Uned da Rúa o 5 e 12 de abril

A Uned Ourense organiza, na súa Aula de Valdeorras situada na Rúa, o I Curso de Introdución á Cultura da Cervexa. Ten como finalidade dar a entender o proceso produtivo da cervexa, desde as materias primas á cata, pasando pola elaboración e o envasado, tratando todos os aspectos relacionados con esta bebida. O curso celebrarase os días 5 e 12 de abril , en horario de 16:00 a 21:00h.

Esta acción formativa está orientada tanto a profesionais do sector da hostalería e restauración, como ao público en xeral que mostre interese en coñecer as variedades da cervexa, a súa elaboración, etc. ou en velo como unha idea de negocio.

O curso será impartido por David Esmerodes, Anfitrión Certificado en Cervexa con ampla experiencia no estudo das variedades de cervexa e os seus aspectos máis diferenciais. Tamén é Máster en Dirección Comercial e Marketing, o que destaca na súa ampla carreira laboral no mundo comercial cervexeiro.

“Dado que non é algo moi coñecido, nunha primeira sesión explicaranse os distintos niveis de experto en cervexa e como alcanzalos, co obxectivo de coñecer as vías que existen para quen queira chegar a ser expertos e adquirir formación específica para selo. Tamén se explicará o seu proceso de elaboración, as materias primas e os métodos para clasificar cervexas. Terminará a xornada explicando as principais escolas cervexeiras e realizando unha cata das mesmas, para así aplicar os coñecementos adquiridos e ver sobre todo, os aspectos máis diferenciais”, adiantan dende a Uned.

A segunda sesión, que será de contido práctico, está orientada ás boas prácticas no almacenamento, envasado, e no perfecto servizo dunha cervexa, ademais das súas calidades e como tratala para que se atope en perfecto estado. Detalles nos que incidir para realizar unha boa cata de cervexa e unha maridaxe con cervexa, explicando que parámetros técnicos hai que valorar.

Como peche do curso unha cata final das distintas tipoloxías de cervexa da gama “Estrella Galicia”. Os cursos enfocados desde unha perspectiva “máis práctica e orientados como posible idea de negocio, como é o caso, achegan importantes coñecementos aos alumnos para poder exporse algunha saída laboral alternativa ou para formarse en todo o relacionado coa cultura da cervexa, por interese laboral ou simplemente persoal”, indica a Uned.

Más información: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/35023

Artigos relacionados

Back to top button