
Iberdrola comeza un novo ciclo de rehabilitación integral da central hidroeléctrica de Santo Estevo, situada no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. A intervención comezou co desmonte dos compoñentes e o rotor do grupo 2, unha peza de aproximadamente 250 toneladas cuxa retirada requiriu a intervención de dous guindastres especiais e unha manobra de gran complexidade que precisa tres horas para completarse.
Esta actuación constitúe a primeira fase dun programa de modernización que contempla a posta a punto sucesiva dos catro grupos de xeración. O calendario previsto finalizará en 2031, cun orzamento de 12 millóns de euros. A rehabilitación do grupo 2 terá unha duración estimada dun ano e suporá un desembolso de 3 millóns do total do investimento. O obxectivo é prolongar a súa vida útil, manter a fiabilidade operativa e o rendemento da instalación, alén de adaptar os seus sistemas aos últimos avances tecnolóxicos.
Para levar a cabo estes traballos, realizáronse estudos técnicos previos para avaliar o estado dos equipos e planificar as intervencións. Iberdrola conta con varias instalacións hidroeléctricas na conca do río Sil. En conxunto, estas infraestruturas suman 1.582 MW de potencia instalada, equivalentes ao 45% da xeración hidroeléctrica galega. O seu rendemento anual medio alcanza os 3.000 GWh, aproximadamente o 50% da produción hidroeléctrica media da comunidade autónoma.
Selo galego
Iberdrola conta coa colaboración de empresas galegas nestes traballos, “impulsando así o emprego cualificado e a actividade industrial da rexión. A execución destas intervencións require unha importante mobilización de persoal especializado en tarefas de mantemento, reparación, montaxe e mecanizado, imprescindibles para a posta en marcha dos equipos”, segundo indica a compañía.
Entre as firmas galegas que participan nesta cadea están MILSA Trillo Galicia, Metalúrxica Galega, Acebrón, Teiga TMI, Técnica 4, Montega, Tecdesoft, AIMEN, CEASA e CEFER, entre outras. Todas colaboran coa eléctrica noutras plantas, tanto dentro como fóra de Galicia. A súa participación contribúe a reforzar a actividade para a industria auxiliar.
“Nos últimos cinco anos, os pedidos emitidos a provedores galegos por Iberdrola en Xeración Sil alcanzaron unha facturación de 19,2 millóns de euros, distribuída en 705 pedidos. No conxunto do negocio hidroeléctrico, o importe ascendeu a 75,2 M€, correspondentes a 948 pedidos. En total, máis de 94 millóns. Cada ano, as infraestruturas hidroeléctricas de Iberdrola no Sil xeran máis de 15 millóns en gastos en investimento (Capex) e mantemento (Opex), e achegan outros 10 en tributos ás administracións local e autonómica, cifras que non inclúen o imposto eléctrico do 7%”, segundo a compañía.

Emprego
Iberdrola asegura tamén que as súas centrais xeran en Galicia “máis de 150 postos de traballo directos na comarca do Sil, aos que se suman os empregos indirectos asociados ao sistema e empresas provedoras. Trátase de man de obra cualificada ligada á operación e o mantemento das instalacións na zona, e cuxa actividade contribúe a soster o tecido empresarial local das zonas do interior de Galicia. A Unidade do Sil é tamén responsable das operacións no sistema Tamega (Portugal), onde destaca a central de almacenamento/bombeo de Gouvaes, como organización integrada”.
O proxecto de Santo Estevo comezou en 1945 coa apertura de accesos no canón do Sil. Preto de 2.000 persoas traballaron nas obras, en las que se empregaron 150.000 toneladas de cemento e 10.000 de aceiro. Tras a súa inauguración en 1956, converteuse na instalación con maior potencia instalada de Europa do momento, prosegue a compañía.
Desde entón o complexo experimentou sucesivas melloras. En 2008 a compañía iniciou as obras de ampliación mediante unha nova caverna subterránea. Santo Esteban II entrou en funcionamento en maio de 2013 e o complexo alcanzou unha capacidade total de 451 MW. En xaneiro de 2017 arrincou a central subterránea de San Pedro II, que actúa como contra encoro para modular o caudal do Sil, optimizar a xeración e contribuír á navegabilidade e ao turismo da Ribeira Sacra.
Fotos cedidas.