OurenseÚltima hora

Igualdade pon en valor “o labor” das Asoc. de Veciños para previr a violencia de xénero

Representantes das entidades locais e das Asociacións de Veciños xuntáronse para coñecer a campaña da secretaría xeral de Igualdade para concienciar aos veciños para previr esta “lacra social”

A Secretaría Xeral de Igualdade convocou hoxe, 7 de febreiro, aos diferentes representantes das administracións locais e das Asociacións de Veciños para presentar a súa campaña de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal.

O acto estivo presidido pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Limiar, Manuel Mosquera e Maria Ángeles García, da Asociación Española de Auditores Sociolaborais.

Nesta xuntanza repartiron o tríptico -dos 35.000 que imprimiron- no que se explican diferentes cousas. En concreto, recalca que, como membro dunha comunidade de veciños hai que estar atento se se “escoita ou se presencia” algún caso de violencia: “actitudes ou accións violentas, vexacións ou insultos dalgún veciño cara a súa parella ou que algunha das veciñas presenta, sen xustificación, negróns na cara ou no corpo, ou roturas, se observa que son reiteradas”.

Así, esta iniciativa xorde a raíz dun convenio entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a Asociación Española de Auditores Socio-Laborais e o Colexio Oficial de Administración de Fincas de Galicia. E nace como obxectivo de “informar” e coa meta de “conseguir que haxa máis mulleres que teñan información para saír do círculo da violencia, e máis persoas, homes e mulleres, que rexeiten a violencia de xénero”.

O presidente da Federación de Asociacións de Veciños Limiar, Manuel Mosquera, asegurou que os veciños “podemos aportar o noso gran de area, porque a violencia de xénero é un problema de todos”. Mosquera remarcou que a “denuncia é a fonte máis efectiva” e reiterou que a veciñanza “somos a canle máis próxima de axuda ás vítimas”. O presidente concluíu dicindo que “temos a obriga moral de axudar”.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, lembrou que “este é un problema de todos” e contou que esta campaña xurdiu a raíz de diversos casos de violencia machista nos que os veciños “escoitaron pero non axudaron”, pondo como exemplo o caso de Ana Enjamio, a rapaza de Boqueixón de 25 anos que foi asasinada pola súa ex parella no portal da súa casa en Vigo. “Soubemos que os veciños escoitaron os berros desta rapaza, pero acabou morta”, dixo.

Susana López puxo en valor neste punto a importancia da denuncia veciñal e da actuación a nivel local para erradicar esta “lacra social”, así o definiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na súa intervención. Entre esas entidades locais salientou o traballo dos Centros de Información á Muller (CIM) e lembrou que a Xunta creou unha lei “para que os concellos adquirisen as competencias en materia de Igualdade e Servizos Sociais”, cando estas foron transferidas ás Comunidades Autónomas.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Back to top button