
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida, que se celebra os días 8 e 9 de setembro desde hai séculos no municipio lucense de Quiroga. Á hora de elaborar o expediente —que supón a súa protección patrimonial inmediata— os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta que se trata dunha manifestación que ten “un valor cultural sobranceiro que mantén o respecto pola tradición e polos rituais transmitidos de xeración en xeración”.
Na incoación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén destaca o aspecto propio desta manifestación inmaterial, que fai que sexa recoñecida como “singular“ en relación ao resto das romarías de Galicia, xa que xira ao redor da representación escenográfica sobre a loita entre a fe e o mal, representado polo Meco, que leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos.
Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento propio da celebración, que seguen a figura da virxe. Ao son da gaita bailan tanto o Meco como as coñecidas como Pampórnigas, que son dúas figuras xigantes que simbolizan a un home e a unha muller. Outro momento considerado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como “determinante” desta “singular representación escenográfica” é cando a virxe entra na igrexa e o Meco se prostra perante ela e o pobo.
Ademais, nesta incoación tamén se lle recoñece o feito que se celebre desde hai séculos “sen apenas mudar co paso do tempo”. De feito, saliéntase que, malia as prohibicións da aparición de xigantes e cabezudos ditaminadas por autoridades eclesiásticas e civís no século XVIII, persistiu a celebración coas figuras do Meco e das Pampórnigas, “como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, na que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega”.
Participación da veciñanza de sete concellos
Por todos estes motivos, desde o departamento de Cultura da Xunta valórase que a Romaxe da Nosa señora dos Remedios da Ermida é o “reflexo da apropiación identitaria” feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida. Ademais, inclúese a todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión desta tradición como “pertences á comunidade portadora desta manifestación inmaterial”.
Neste senso, cómpre lembrar que as persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden a veciñanza do ámbito parroquial e mesmo municipal de Quiroga, xa que se reúnen e participan neste ritual veciñanza dos concellos da contorna, como son Bóveda, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.