O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o presidente de Ineco, Sergio Vázquez Torrón, supervisaron esta mañá na contorna natural do Miradoiro de Triguás (Parada de Sil) as primeiras demostracións reais de servizos comerciais con drons do proxecto ESCAI Ribeira Sacra, unha iniciativa pioneira en España liderada por Ineco e apoiada polo clúster SIAM (Clúster Español de Mobilidade Aérea Innovadora). Estaban acompañados polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Pedro Blanco salientou esta iniciativa como un exemplo de colaboración público-privada que impulsa directamente o mundo rural “poñendo a tecnoloxía ao servizo da cidadanía”. Deste xeito, “o Goberno da resposta con avances e modernidade aos desafíos do territorio, aproveitando o seu potencial e mellorando a vida das persoas con independencia de onde vivan”.
Sergio Vázquez Torrón destacou a relevancia do fito acontecido hoxe, e subliñou: “sempre se fala da mobilidade aérea innovadora como o eterno futuro que nunca alcanzamos, pero a realidade é que, desde un punto de vista técnico, está moi avanzada. Hai que poñer o foco na aceptación social e no desenvolvemento dun marco regulatorio que o faga viable e seguro.”
O proxecto nace como resposta ao chamamento interno de innovación que promove a enxeñería e consultoría pública Ineco, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, entre o seu equipo. ESCAI, Espazo para Servizos Comerciais Aéreos Innovadores, pretende impulsar o uso seguro de drons para servizos clave en contornas rurais.
Nesta etapa do proxecto realizáronse demostracións reais con simulacións de posibles usos que esta nova forma de mobilidade permite. Entre outras propostas, mostrouse un caso de transporte loxístico de paquetes, que abre a porta a un futuro no que comercios ou particulares poidan enviar produtos locais de forma áxil e sostible. Tamén se mostraron aplicacións en agricultura de precisión, como a dispersión de produtos con auga para optimizar recursos, e no mantemento de prevención de infraestruturas mediante a inspección aérea de estradas e liñas eléctricas. Ademais, realizáronse probas de análises de cobertura vexetal para a prevención e conservación da paisaxe, e unha simulación de procura e rescate con cámara térmica en operacións de emerxencia. Finalmente, mostrouse unha técnica avanzada de coordinación de enxames de drons, con aplicacións en vixilancia.
Este proxecto, apoiado por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea), a DGAC (Dirección Xeral de Aviación Civil) e Enaire, enmárcase dentro da folla de ruta marcada por SIAM co recentemente presentado Libro Branco de Vertipuertos. Coordinado por Ineco, este documento estratéxico establece as bases para o desenvolvemento destas infraestruturas esenciais para a Mobilidade Aérea Innovadora. A consolidación de U-space permitirá integrar aeronaves tripuladas e autónomas nun sistema áxil e seguro, mentres que as cidades adoptarán vertipuertos como nodos estratéxicos de transporte.

A Ribeira Sacra conecta a mobilidade innovadora coa contorna rural
Durante o acto institucional que tiña lugar no Concello de Parada de Sil coa asistencia dunhas 60 persoas, destacouse que ESCAI Ribeira Sacra será o primeiro dunha rede de contornas similares que poderán replicarse noutros territorios, contribuíndo a consolidar o liderado de España no ámbito dos servizos aéreos innovadores (IAS) e a xerar un impacto socioeconómico sostible.
O acto iniciábase unha presentación de “ESCAI: Visión, obxectivos e funcionamento”, despois abordábanse os retos do sector e logo presentábanse os axentes relevantes neste eido, así como as demostracións aéreas: protocolos de seguridade, zonas de observación e consentemento para “persoas participantes”. Xa entre as 13h. e as 15h. desenvolvíanse as demostracións aéreas no Miradoiro de Triguás.
Cun enfoque centrado na seguridade aérea, a eficiencia administrativa e a estandarización operativa, a contorna da Ribeira Sacra servirá de referencia para despregar operacións que hoxe enfrontan máis dificultades técnicas, especialmente as relacionadas con servizos esenciais no ámbito rural.
A tecnoloxía dos IAS (xeralmente drons ou, no futuro, aerotaxis) representa unha solución sostible e eficiente, capaz de operar con baixo impacto ambiental grazas á redución de emisións, o menor nivel de ruído e o desconxestionamento das infraestruturas terrestres tradicionais.
A súa versatilidade permite o uso en espazos reducidos —desde azoteas de edificios ata instalacións ou infraestruturas integradas en nodos loxísticos ou sanitarios—, o que as converte en aliadas clave para o transporte de pasaxeiros, a entrega urxente de mercadorías, a xestión de emerxencias ou a monitorización ambiental. Os avances tecnolóxicos en autonomía de voo, fiabilidade e tempos de recarga reforzan a súa posición como unha opción disruptiva para o futuro da mobilidade e doutras actividades que actualmente se fan por outros medios ou, directamente, non se conciben. Unha transformación que non só terá impacto nos modos de transporte, senón tamén no deseño das cidades, a conectividade rexional, a vertebración territorial e nas cadeas de valor dos sectores beneficiados.
O sector xa se prepara para esta novo paradigma, e proxectos como ESCAI marcan o camiño cara a unha integración segura, real e a escala destes servizos aéreos no noso día a día.
Sobre Ineco
Enxeñería e consultoría de referencia no ámbito da mobilidade sostible e a transformación dixital, Ineco leva máis de 55 anos deseñando solucións integrais, innovadoras e tecnolóxicas que contribúen de maneira directa na mellora da calidade de vida de millóns de persoas.
Cun equipo multidisciplinar de máis de 6.000 profesionais, a empresa está presente en todos os continentes, onde desprega a súa experiencia e capacidade para afrontar traballos tecnicamente complexos grazas ao seu coñecemento especializado e á aplicación da tecnoloxía máis avanzada e vangardista. Más información sobre Ineco en www.ineco.com.