OurenseÚltima hora

A Intermodal elimina un acceso da Estación de Autobuses e inclúe unha glorieta interna

Estas modificacións atenden ás alegacións dos grupos políticos e do Colexio de Arquitectos de Galicia e garanten o uso do Centro de Saúde do Couto
Maqueta do proxecto de Normal Foster.

O prazo de alegacións para o proxecto da nova Estación Intermodal de Ourense xa rematou e o proxecto inicial de Foster sufriu certas modificacións achegadas polos diferentes grupos políticos e polo propio Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Así o comunicou hoxe, 31 de agosto, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local.

Así, este novo deseño elimina os dous accesos e permite facer os cambios de sentido dentro da Estación de Autobuses a través dunha glorieta. Evitando que os vehículos alleos empreguen os accesos e vías da estación para realizar movementos, paradas ou cambios de sentido. Asemade, estas modificacións afectan á capacidade da nova estación, reducindo o número de dársenas de 15, que tiña o proxecto inicial, a 13, “que son de abondo para as necesidades actuais”, dixo Vázquez.

Estas modificacións “reordenan o tráfico da estación de autobuses”, dixo o rexedor, co obxectivo de “recuperar un espazo público que serva para estruturar a conexión entre as dúas estacións e recuperar o uso do equipamento sanitario”, dixo Vázquez.

A pesar de que os trámites urbanísticos do proxecto xa estiveran iniciados, o alcalde da capital remitiulle, o 28 de xullo, unha carta á Consellería de Infraestruturas solicitando que, “na medida do posible”, dixo Vázquez, e sempre que supuxesen unha mellora do documento, se tivesen en conta as alegacións presentadas polos grupos de Democracia Ourensana e Socialista e polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Segundo transmitiu o rexedor municipal á prensa, tras a recepción do escrito, a Xunta realizou unha análise das necesidades desta nova estación, “tendo en conta tamén a posta en marcha de novos contratos de liñas de transporte público que pasan pola estación”, explicou. Seguidamente, solicitaron un informe sobre as alegacións á empresa redactora do proxecto da Estación de Autobuses e, por outro lado, un estudo do número de dársenas que demandaría a Estación.

 

O novo proxecto elimina os dous accesos e incorpora unha glorieta no interior, eliminando dúas dársenas.

Artigos relacionados

Back to top button