O Centro Cultural de Sober vén de acoller o IV Concurso de Cata por parellas Concello de Sober, unha das actividades enmarcadas dentro do Mes do Amandi, organizado pola Fundación Belarmino Fernández Iglesias e o Concello de Sober.
Os participantes eran recibidos pola organización e, tras a presentación do concurso, estiveron catando no túnel do viño as 20 referencias que podían formar parte de cata.
Unha vez comezado oficialmente o concurso os participantes tiveron que diferenciar dez dos viños seleccionados polo xurado, que estaba composto por Cristina Nogueira González (ex alumna que cursou os tres Ciclos Formativos que impartimos no Centro), Lara Santos (propietaria da adega Alma das Donas) e Suso Soneira Ramos (sumiller da adega Algueira), indicando tipo de uva, anada e tipo de crianza (xoven ou barrica).
Unha vez finalizada a cata e tralo reconto das puntuacións foi preciso realizar dous desempates entre tres parellas para saber quen acadaba o primeiro e o segundo posto. Procedeuse ao nomeamento das dúas parellas gañadoras nas instalacións da Fundación Belarmino Fernández Iglesias resultando:
– No segundo posto: Iria Alcalde e Mariana Orbellado, alumnado do CIFP Compostela, e recibiron o lote de viño da Adega Alma das donas que foi entregado por Dna. Lara Santos, propietaria da Adega.
– No primeiro posto: Igor e Jesús Balboa López, propietarios da Adega Corzoás.


A entrega de premios do lote de viño da Adega Vía Romana realizábaa Rebeca Vázquez, directora do Escola de Hostalería e Vitivinicultura Belarmino Fernández Iglesias.
O resto de agasallos que consisten en: 1ª Parella Clasificada: Comida/cea no Restaurante Berso en Sober e trofeo acreditativo de cerámica de Gundivós; 2ª Parella Clasificada: Ruta en quad coa empresa Sacra Aventuras e trofeo acreditativo de Cerámica de Gundivós, serán entregados no recinto ferial da XLV Feira do Viño de Amandi o vindeiro domingo 13 de Marzo ás 13:30 horas durante a entrega de premios da Cata oficial dos Viños de Amandi.
Ao remate do concurso, nas instalacións da Escola de Hostalería e Vitivinicultura Belarmino Fernández Iglesias, o alumnado do Ciclo Formativo de Grao Medio de Servizos en restauración serviu uns aperitivos elaborados polo alumnado do Ciclo Formativo de Grao Medio de Cociña e gastronomía.
O aperitivo consistiu nunha Gilda de corvina lañada; Saam de xarda en escabeche, tomate confeitado e xerminado de allo; Fideuá negra, tella do seu caldo e ali-oli; Polbo, parmentier e allada e Xarrete, boniato e lima, como pratos salgados, e, os pratos doces, foron Torrija Suzette e Brownie, piña e ganache de choco-lima. Todo maridado con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Fotos cedidas.