
Xusto dentro dun mes, a Denominación de Orixe Monterrei cumprirá os 30 anos de existencia (25 de novembro de 1994, aprobación do seu primeiro Regulamento). “De ser a denominación de orixe máis nova e pequena de Galicia, a súa evolución exponencial e un intenso proceso de modernización sitúana nun plano de madurez que”, segundo afirma Jonatás Gago, que ocupou a presidencia do seu consello durante os últimos dous anos. O 28 de outubro o pleno deste órgano reitor acordaba destituílo.
“Deixo a D.O. posicionada na madurez e coma un dos territorios emerxentes no mapa vitivinícola español e internacional”, comenta nunha nota de prensa emitida esta mañá. Gago resume o seu período á fronte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei como “un exercicio de modernización e tecnificación, impulsado por un intenso labor de promoción”.
Non sen motivo, a súa xestión nos últimos dous anos deixa como balance as dúas Feiras do Viño de Monterrei máis masivas da historia, con máis de 30.000 degustacións, un ronsel de premios nacionais e internacionais aos viños da comarca e un índice de coñecemento dos viños da comarca de Verín moito maior nos mercados. Isto tradúcese en datos tan contundentes, afirma Jonatás Gago, como a multiplicación por oito das exportacións internacionais, só no último ano. “Non oculto que un dos datos que máis orgulloso me fai sentir”, afirma, “é que a D.O. Monterrei multiplicou por oito as súas vendas no exterior, segundo os datos do informe do Ministerio de Agricultura, pasando de 1.066 hectolitros a 8.748 hectólitros de viño Monterrei vendidos no exterior”.
“A data de hoxe, os principais destinos internacionais dos viños de Monterrei son Irlanda, Holanda, Dinamarca, Alemaña e Bélxica (países Unión Europea), Reino Unido, EE.UU., Suíza, México, Colombia ou Xapón (terceiros países)”. “Todo isto”, afirma Gago, “é froito do intenso labor de promoción que desenvolveu a D.O., que se traduce nun incremento exponencial do coñecemento da marca Monterrei.
Neste sentido, Jonatás Gago destaca o lanzamento de dúas ambiciosas campañas publicitarias, un importante incremento da asistencia a ferias nacionais e internacionais (Prowein, Fenavin, Galicia Fórum Gastronómico, Vinexpo & Wine Paris, Barcelona Wine Week ou Salón Gourmets) ou a realización de cinco Press Trip, catro nacionais e un internacional.
“Sentimento de orgullo de Monterrei”
Igualmente, Jonatás Gago agradecía a implicación de todas as institucións, veciños adegas e viticultores de Monterrei na xeración dun sentimento de orgullo ligado aos viños da comarca, o que se fixo patente no incremento da base social da promoción dos seus viños. Ademais, engade, “a implicación na imaxe do territorio asentouse nos novos modelos de actividades como a a Feira do Viño de Monterrei, que contou cun amplo programa de actividades complementarias, o que levou consigo que se superaran as 30.000 degustacións vendidas”.
A D.O. Monterrei tamén abordou este ano por primeira vez a presentación da anada en Madrid. Neste caso foi a do 2023, que recibiu a cualificación de excelente, así como a programación e organización de accións promocionais (Masterclass, Túneles do Viño, etc. ) en diferentes lugares de España e Europa: Madrid, Santander, Lugo, Berlín, Zaragoza, Fisterra (A Coruña), Alicante, Bilbao, Vigo, Málaga ou Valencia.
O organismo materializaba o nomeamento “dun xerente, e a sinatura de convenios de colaboración con numerosas institucións, coma o Concello de Verín, Expourense, que inclúen a participación en Xantar e Vinis Terrae, e nas diferentes misión comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños e a enogastronomía en xeral, tanto en territorio nacional como no estranxeiro. Destacou o apoio ao sector agrícola e gastronómico da comarca, coa participación directa da D.O. Monterrei na Feira do Lázaro (Verín), Feira do Pemento (Oímbra), Festa da Vendima da Vila de Monterrei (Monterrei) e Festa da Castaña e o Cogomelo (Riós), ou o patrocinio de entidades deportivas e culturais da comarca: Clube de Fútbol Monterrei, Verín C.F., Club Ciclista Verín, Verín Cigarrón Fútbol Sala, Vespa Club Verín, Clube Sendeiristas de Monterrei, BTT Verín, Festival Internacional de Curtos Vía XIV e CMUS Verín. Tamén se participou no III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia (enmarcada dentro do III Roteiro de Tapas e Petiscos de Galicia)”.
Outro dos aspectos dos que se amoso especialmente satisfeitou Gago, “pola miña condición de docente, é que o Consello Regulador de Monterrei xunto co I.E.S García Barbón acadaron implantar un ciclo de grado medio en “Aceites de oliva e viños” en formación dual. Cubrindo a necesidade de formación para traballadores do sector vitivinícola demandada polas adegas e así aumentar as opcións de formación para os mozos/as da comarca”.
Dúas auditorías e varias certificacións
Desta etapa dos últimos dous anos na presidencia do CRDO Monterrei Gago destacaba tamén o intenso labor de control e regulación efectuado durante o seu mandato, que inclúe dúas auditorías e varias certificacións. “Realizamos auditorías financieiras dos anos 2019/2020/2021/2022, e ademais o de Monterrei foi o primeiro Consello Regulador vitivinícola auditado por ENAC en implantar a orde do 14 de novembro de 2023 pola que se establece a normativa para a verificación da aptitude dos viños das denominacións de orixe protexidas de ámbito galego polos seus consellos reguladores”.
Finalmente, deste período Gago destaca “o incremento histórico acadado no volume de colleita dentro do territorio da D.O. Monterrei, que acadou os 7,7 millóns de kilogramos, e a materialización do aumento do número de adegas, que pasan de 27 a 29 coa Inscrición de dúas novas no Consello Regulador, unha delas xa certificada”.
“En resumo”, finaliza Jonatás Gago, “trataouse dun periodo que pecho coa enorme satisfacción de deixar a D.O. Monterrei encamiñada ao proceso da súa madurez, cun posicionamento envexable no panorama vitícola español, auditada, en pleno proceso de modernización e cun brillante futuro polo que agardo brindar con todos os viticultores e viticultoras, adegueiros e adegueiras de Monterrei, os grandes artífices desta historia, e cos meus veciños e veciñas que sempre me mostraron o seu apoio. Por suposto agradecer a miña familia o seu ánimo e acompañamento. Agradecer aos meus compañeiros do panel de cata a súa imprescindible laboura e compromiso. Gardarei sempre con especial agarimo a lembranza dos grandísimos profesionais técnicos da D.O., verdadeira alma deste ilusionante camiño de expansión polo que transitan os nosos viños de Monterrei”.