Cun discurso sementado de lembranzas, sentimento e moita emoción abría o empresario José Antonio Prada Muradás co seu pregón as Festas do Cristo 2024. Numerosas persoas enchían a praza Maior do Barco neste acto, que principiaba ás nove da noite deste 13 de setembro, logo da chegada das Calantornias. Tras a proxección dun vídeo no que, da man da súa familia e dalgúns amigos, o público percorría os estreitos vínculos deste barquense coa súa terra, da que marchaba con apenas 9 anos, era o tamén barquense José Ángel Rodríguez.
Ademais de facer un recoñecemento á súa traxectoria profesional, na que ocupou “18 cargos de dirección, de xerencia e consellos de administración”, tamén resaltaba a súa calidade como “persoa e o seu compromiso con Valdeorras”. Rodríguez Delgado comentaba como José Antonio Prada axudou “a moitas persoas de Valdeorras, sempre tiveches a túa porta aberta e sempre levaches con orgullo as túas orixes”. E resaltaba o seu apoio “incondicional” ás nove edicións da Festa do Botelo na Coruña, tanto no aspecto da divulgación da mesma, como participando. O presentador finalizaba desexando que “sigas transmitindo o fondo valor de ser desta terra”.
Tras agradecer as súas palabras cunha sentida aperta, o pregoeiro tomaba a palabra e confesaba estar “abrumado, non merezo esta honra, non o podía imaxinar… É inmenso o orgullo que sinto neste día tan especial, é un gran privilexio dar o pregón das festas do teu pobo. Moitas grazas”.
A partir de aí despregaba un pregón cheo de recordos e no que plasmaba o seu fondo sentir como barquense. “Din que se levas a túa infancia contigo nunca envellecerás e eu gardo moitas lembranzas”. Lembranzas que compartía, comezando por explicar as súas orixes familiares e contando como naceu nunha das casas da avenida Eulogio Fernández, que daquela se coñecía como “carretera general”.
Alí aprendeu a andar en bicicleta (unha das súas grandes paixóns que mantén ata hoxe), con algunha que outra caída. Tamén desfrutaba xogando no “patio dos bolos, onde tamén xogaba co tirachinas” e contaba como vivía con especial ilusión a chegada do Día de Reis, que algún ano lle deixaron unha bicicleta e outro mesmo unha escopeta con mira telescópica ou un camión cheo de galletas.
“Os amigos e compañeiros foron moi importantes para min naqueles tempos, como Andresito, o fillo do médico Andrés Buela” ou como José Gurriarán “ao que coñecín no colexio das monxas”, Lamelas, Toñito Fernández, Félix… “cos que ía ás festas do Cristo” ou ao cine. Tamén falaba “dos baños daqueles veráns eternos na piscina de Cedie ou na do Chao e, por suposto, no Malecón, pero sobre todo na Barxa” e das excursións feitas polo Barco e pola comarca. Por certo, unha delas coa súa dona, Norma Vázquez. Non faltaban as referencias a La Casuca e á discoteca El Molino, “e moito desfrutaba do conxunto musical de Los Iris”.
Outros dos seus recordos estaban ligados a tradicións como a matanza do porco, ao baloncesto, deporte no que se iniciou no Barco, ou ao ciclismo. A partir de aí pasaba a súa vida profesional, incorporándose á empresa familiar despois de formarse en peritaxe mercantil. “O esforzo, tesón e constancia foi a gran herdanza que me deixou a miña familia”. Explicaba como a empresa familiar se dedicaba ao transporte de mercadorías e de viaxeiros e como, tras o falecemento do seu pai, pasou á presidila, sendo á segundo xeración á fronte da Compañía de Transportes de Tranvías de La Coruña S.A.
Unha súa empresa que actualmente ten 295 empregados, e cuxos autobuses fan ata 17.000 km ao día, e na que chegou a haber ata 30 persoas de Valdeorras. E nese apartado tiña un recordo especial para Domingo Rodríguez “O Seixo” e para José Antonio Rodríguez.
Emocionábase ao falar da súa esposa e da súa familia e finalizaba destacado que “sempre quixen transmitirlle o enorme valor das nosas orixes. O Barco é un dos lugares máis presentes na miña vida e no meu corazón”.
A continuación, o alcalde do Barco, Alfredo García, acompañado pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, subíase ao escenario para facerlle entrega dun ramo de flores e da xa tradicional escultura do barqueiro, obra do escultor valdeorrés Cochorro. E, como broche, o progeiro procedía ao chupinazo co que quedaban oficialmente abertas as Festas do Cristo 2024. Despois era acompañado pola súa familia no escenario.
Fotos e vídeos: O SIL.