
“Mar de Terra” é o título do documental no que o músico vasco Kepa Junkera plasma a súa vivencia en primeira persoa dos Entroidos máis ancestrais das provincias de Ourense e de Lugo no 2018. Fai referencia a esa “outra Galicia que ten unha forza incrible, ese mar que tamén chega ó interior”, nas súas propias palabras. Entre Mázcaras, Boteiros, Pantallas, Cigarróns ou Volantes, Junkera transcorre este filme de aproximadamente unha hora de duración cuxa rodaxe remataba en xuño en Vilariño de Conso e Manzaneda.
“Mar de Terra”, dirixida polo realizador ourensán José Antonio Blanco e con música orixinal do propio Kepa Junkera, é un documental que o músico define como “moi persoal” e que xurdiu como froito da amizade e dos lazos que o unen con Galicia dende hai varias décadas, pero de xeito especial, dende a realización do seu disco “Galiza” no 2013.
O documental (de cuxo equipo tamén forman parte Rubén Cao e Javier Torquati Díaz) amosará por exemplo como se viste un Boteiro de Vilariño de Conso, un Peliqueiro de Laza ou unha Pantalla de Xinzo pero con “sinceridade 100%, coma se o protagonista llo contara a un amigo que vai de visita”, explica Kepa Junkera. Tamén poderá verse como toca o bombo co folión de Vilariño de Conso ou como interpreta a pandereita ou a trikititxa mentres danza unha das Mázcaras do Folión de Manzaneda xunto ao sorprendente Castiñeiro de Pombariños.

A película, rodada “con moito cariño” e sen guión, supón unha das primeiras incursións de Kepa Junkera diante da cámara. O músico guía ao espectador polas entrañas dos Entroidos ourensáns e lucenses, e mesmo se pon na pel do Oso de Salcedo. Pero tamén, como non podía ser doutro xeito, aporta a música: temas orixinais compostos como homenaxe a unha “cultura poderosa e forte” xunto con outros do seu disco “Galiza” (2013).
A estrea de “Mar de Terra” terá lugar o vindeiro 29 de novembro na gala inaugural do OUFF no Auditorio Municipal de Ourense. Asemade, a organización do festival está a traballar na organización dalgunha actividade paralela relacionada con este documental.
Máis información:
Na entrevista con Kepa Junkera publicada na edición en papel de novembro do Periódico O Sil.