A veciñanza de Parteme, na parroquia do Nocedo, en Quiroga, continúa facendo traballos de mantemento das zonas comúns da localidade. O último destes traballos tiña lugar os sábado 5 e 12 de marzo. “Por iniciativa nosa, da Asociación de Veciños de Parteme, xuntámonos por terceira xornada para realizar a limpeza do acceso do camiño que leva á fonte publica e na cuarta xornada o remate do camiño da fonte e comezo coa limpeza das rúas”.
A iniciativa está promovida dende a Asociación de Veciños de Parteme, un colectivo que ten como principal obxectivo “velar pola boa conservación do pobo e buscar a forma de de mantelo en pé e cun mínimo de servizos para a veciñanza, que cremos non é moito pedir, máis se cabe se queremos que o rural non morra. E neste obxectivo teñen unha responsabilidade clara tamén as administracións públicas, empezando polo Concello ao que pertencemos”, aseguran dende a entidade.
O pasado 5 de marzo xuntábanse varios veciños e veciñas, “concretamente 12, e fixemos un labor enorme de limpeza, apartando pedras, terra e limpando maleza que había no camiño que leva á fonte pública, o seguinte sábado día 12 xuntámonos de novo outros 6 para rematar os traballos na fonte e comezar coa limpeza das rúas. O resultado foi un éxito e hoxe as veciñas que van a diario a por auga xa poden baixar máis tranquilas sen medo a caer como lles pasaba anteriormente. E outra cousa, tiñamos luz pública na fonte e cortaron o poste para quitar a farola, co cal non hai iluminación para acceder a ela cando non hai luz natural. Esta fonte atópase na parte baixa do pobo, a 100 metros das casas, nun entorno fermoso con paredes de pedra o largo do camiño e rodeada por castiñeiros, era unha das zoas de hortos do pobo”, explican dende a asociación.
Dende esta entidade veciñal tamén explican que o conxunto dos veciños alegrouse moito desta intervención, “houbo xente que pola dificultade que tiña antes non se atrevía a baixar e o sábado pasado baixaron sen temor a caer. Volvemos recibir felicitacións de moitos veciños que están fóra con casa aquí despois de ver as fotos nas redes sociais e nos whatsapp”.
A intención da asociación é continuar con novos traballos comunitarios. “Cada día somos máis e o pobo segue unido. Hai moito que facer neste pobo”, din. Tamén teñen solicitada unha reunión co alcalde de Quiroga para transmitirlle as súas “peticións de limpezas de rúas, camiños e tamén outras melloras e infraestruturas que cómpre acometer”, adiantan.
Fotos cedidas pola Asociación Veciñal de Parteme.