O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientaba esta tarde en Larouco a aposta que está a facer o Goberno Galego polo turismo rural que se ratifica coa incorporación de preto de 40 novas prazas de aloxamento repartidas en dous establecementos neste municipio. Xosé Merelles visitaba o Lar Albergue Larouco e a Reitoral de Seadur. Nesta visita estaba acompañado pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, e outros concelleiros, así como pola xerente do Inorde, Emma González.
Durante as visitas, o director de Turismo de Galicia salientou a proximidade dos establecementos co Camiño de Inverno, reforzando tamén a oferta hoteleira nesta ruta. Neste sentido, destacou que é un dos itinerarios que máis están medrado no que vai de ano, rexistrando un incremento de peregrinos do 44%.
Xosé Merelles visitou o novo albergue municipal de Larouco que ocupa a antiga casa reitoral datada de 1888. O establecemento, cunha oferta de 16 prazas, conta ademais con recepción, lavandería, sala de estar, terraza e cociña que se reparten ao longo de 170 m2 de superficie. Turismo de Galicia contribuíu con 30.000 euros á execución desta actuación.
Pola súa banda, a Reitoral de Seadur, á que se achegaba despois, suma un total de 23 prazas de aloxamento. Aquí tamén o acompañaban, ademais da rexedora de Larouco, os alcaldes do Bolo e de Veiga.
Ademais poñía de manifesto o atractivo turístico da comarca de Valdeorras onde, como dixo, tamén se vén de licitar o proxecto de rehabilitación paisaxística das antigas escolas do Concello de Larouco por máis de 120.000 euros e para a que as empresas poden presentar os seus proxectos ata o 20 de novembro.
Fotos: O SIL.