CulturaCulturaÚltima hora

Leo Bassi presentará en Verín o seu espectáculo “Yo, Mussolini” en decembro

O evento será o vindeiro 14 de decembro e as entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.com

Cedida.

Leo Bassi, considerado o sumo pontífice dos comediantes, chega ao Auditorio de Verín o próximo 14 de decembro ás 20:00h co seu espectáculo “Yo, Mussolini”. Esta obra promete agasallar cunha noite de reflexión e “risistencia” fronte ás intolerancias.

Yo, Mussolini é unha obra de Leo Bassi que, fiel ao seu estilo irreverente, ofrece unha poderosa sátira sobre o rexurdimento do fascismo e o populismo na sociedade actual. Cunha interpretación desmesurada e provocadora, Bassi encarna a figura do ditador italiano para expor, a través do humor, as sombras das ideoloxías autoritarias que volven xurdir con forza. “A obra non só é unha crítica directa ao fascismo histórico, senón tamén unha advertencia contemporánea sobre os perigos da manipulación política e o fanatismo. Bassi logra incomodar e facer rir ao mesmo tempo, obrigando ao espectador a reflexionar sobre o presente, sen deixar de lado a súa habitual posta en escena exuberante e chea de momentos desconcertantes”, explican dende o Concello de Verín.

O público, máis aló da risa, sae do espectáculo cunha sensación de reflexión profunda e incomodidade, o que converte Yo, Mussolini nunha obra impactante, especialmente para aqueles sensibles á realidade política actual.

Leo Bassi, cómico e bufón de renome internacional, é coñecido polas súas provocadoras actuacións que mesturan humor irreverente e crítica social. Cunha traxectoria marcada pola sátira política, este artista italiano, pertencente a unha histórica familia de artistas circenses, leva décadas desafiando o poder establecido e denunciando as inxustizas sociais. Ademais da súa traxectoria cirquense, Leo é coñecido por ser o fundador da Igrexa Patólica de Lavapiés e por participar en programas de televisión nacionais e internacionais como Crónicas Marcianas, El Hormiguero ou Late Motiv.

As entradas xa están dispoñibles en Ataquila.com. A peza está programada polo colectivo Ktorce en colaboración co Concello de Verín.

Back to top button