
O Concello de Sober acende o día 13 a súa programación de Nadal, con alumeado nas rúas e a instalacións de dous beléns. Un deles porase no Centro Sociocultural coas pezas de madeira doadas polo xa falecido Ruperto Álvarez. O outro, a tamaño natural e elaborado en madeira por Eugenio Linares, porase na Praza do Concello e sumará unha nova figura.
O domingo día 15 actuará O Trícola pola mañá e pola tarde haberá o Festival de Nadal da Escola de Música de Sober. O venres día 20 recibiremos a visita de Papá Noel e o sábado día 21 haberá dous concertos con panxoliñas a cargo de O Trícole; un deles en Sober e outro na igrexa de Bolmente.
O sábado 21 poderá asistirse ao concerto de Perisic & Urquiaga das Xuventudes Musicais. O xoves 26, Festa Infantil de Nadal no pavillón do Colexio e o venres 27, concerto de Xingros Big Band. O día 30 Sober recibirá a visita da Apalpadora na Biblioteca.
O xoves día 3 haberá unha contacontos e Cantos de Reis a cargo de O Trícole e o domingo día 5 recibiremos a visita dos Magos de Oriente. A maiores, o día 10 de decembro vaise inaugurar a mostra de fotos ‘Ingredientes de cocktails’ de Macrolans Studio.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anima a participar dun Nadal “con moitas actividades” e pensando para todas as idades.