O concelleiro do Partido Popular na Pobra de Trives, Luis Berardo Araújo Rodríguez, será o novo portavoz do grupo municipal en substitución de Roberto González Castro, que cede a representación popular no Concello por “motivos estritamente profesionais”, segundo informa o PP. O relevo fíxose oficial durante a reunión que ambos edís mantiveron na sede provincial do PP coa secretaria xeral, Sandra Quintas.
Luis Berardo Araújo, número dous da lista do PP en Trives nas municipais de maio de 2023, afirmou que recolle esta encarga coas “mesmas ganas e ilusión que o meu compañeiro Roberto, para traballar a prol do pobo e polo ben da veciñanza”.
Roberto González, que encabezou a lista popular das pasadas municipais, agradeceu pola súa banda o apoio dos seus compañeiros de grupo durante esta “complexa” etapa, na que tivo que mesturar as cada vez maiores responsabilidades profesionais coa representación popular no Concello. Neste tempo como portavoz destacou que a pesar de todas as dificultades sempre buscou o ben dos veciños e veciñas. “Neste momento véxome obrigado a facer este cambio porque non podo estar na propia vila, pero, por suposto, non me esquecerei dela e apoiarei ao partido e aos meus compañeiros desde fóra en todo o que faga falta”, concluíu.
Entre tanto, Sandra Quintas agradeceu a Roberto González o traballo feito ata agora. “Somos conscientes dende o partido como afrontou as últimas eleccións municipais e o gran esforzo que fixeron tanto el como toda a candidatura”, expresou. Quintas deu a benvida a Luis Berardo, ao que tamén agradeceu que recolla este relevo para traballar por Trives e para ser alí a voz do Partido Popular.
Luis Berardo Araújo Rodríguez (Pobra de Trives, 1984) comezou a súa traxectoria política fai dous anos da man de Roberto González, ao que agradece todo este tempo compartido de aprendizaxe. Entre os seus obxectivos figura procurar solucións e escoitar todas as demandas dos habitantes da vila.